O conselleiro de Sanidade participou no acto de reacreditación do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña como centro de investigación sanitaria
Gómez Caamaño destaca a capacidade para formar talento e transformar a sanidade do instituto de investigación biomédica da Coruña
O titular de Sanidade subliña que o recoñecemento do Instituto Carlos III avala a calidade, madurez e futuro do INIBIC, que se consolida entre os 35 centros acreditados en España
O centro recibiu a súa primeira acreditación no ano 2015, renovándoa agora por segunda vez consecutiva
No acto presentouse a memoria de actividade do 2024, con máis de 595 profesionais implicados, 112 estudos clínicos iniciados e preto de 9 M€ captados en financiamento
A Coruña, 6 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu hoxe o acto de celebración da reacreditación do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) como centro de investigación sanitaria polo Instituto de Salud Carlos III, un selo que obtivo por primeira vez en 2015 e que agora renova por segunda vez consecutiva.
Na súa intervención, Gómez Caamaño definiu esta acreditación como moito máis que un selo, cualificándoa como unha certificación de calidade, de madurez e de futuro, que avala a capacidade do Instituto para captar recursos, formar talento e transformar a realidade sanitaria.
Durante o acto, no que tamén se presentou a memoria de actividade do 2024, o conselleiro subliñou a importancia de contar cun equipo “excepcional”, conformado por máis de 590 profesionais de investigación pertencentes a 34 grupos de investigación.
Así, acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, reivindicou o modelo de colaboración entre o sistema sanitario público e a universidade, destacando a excelencia da investigación vencellada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).
O titular da Sanidade galega reafirmou o compromiso da Xunta co fortalecemento da investigación sanitaria en Galicia, apostando por un modelo no que investigación, asistencia e a docencia camiñan xuntas.
Actividade investigadora do INIBIC
No último ano, o INIBIC puxo en marcha 112 estudos de investigación, acadando preto de 9 millóns de euros en financiamento procedentes de convocatorias públicas de recursos humanos, proxectos de investigación e estudos de investigación clínica.
Grazas a esta renovación da acreditación, o INIBIC consolida a súa posición como parte dun reducido grupo que conforman 35 centros de investigación de toda España, recoñecidos pola súa excelencia investigadora. Esta posición fai posible o acceso a convocatorias específicas, alianzas estratéxicas e novas fontes de financiamento.