A Xunta mostra no 'Ecommerce Fest' o seu apoio ao emprendemento innovador vencellado ao territorio e ao intercambio de experiencias neste ámbito
O Grove (Pontevedra), 6 de xuño de 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, asistiu hoxe ao “Ecommerce Fest 2025”, organizado polo Clúster do Ecommerce Galego no Náutico de San Vicente (O Grove) co obxectivo de reunir a profesionais e empresas do ámbito do ecommerce e fomentar entre eles o intercambio de experiencias e impulsar a súa rede de contactos. Esta cita concorda coa aposta do Goberno galego pola innovación e o impulso ao emprendemento, buscando a potenciación do talento e a competitividade das empresas galegas a través do apoio e promoción do comercio electrónico e, ao mesmo tempo, a súa convivencia con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego colaboran na segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce para seguir impulsando o emprendemento no comercio electrónico a través de formación e mentorización por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Esta iniciativa queda enmarcada na rede de Polos de emprendemento, con 15 activos ao longo do territorio galego. No referido a Pontevedra, esta provincia conta con 4 polos -Vilanova de Arousa, Silleda e O Porriño-, que en total levan asesorados máis de 1.200 proxectos emprendedores.