O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento e a adxudicación de destino definitivo para o ingreso en 36 categorías de persoal de xestión e servizos

Resultaron nomeados 908 profesionais, 574 polo sistema de concurso-oposición e 334 polo de concurso de méritos

Os aspirantes disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025

O Diario Oficial de Galicia, publica na súa edición de hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo para o ingreso en 36 categorías de persoal de xestión e servizos. 

A resolución deste proceso suporá a incorporación de 908 profesionais ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia, coa condición de fixeza.

Hai que destacar que no proceso selectivo por concurso-oposición na categoría de celador incorporáranse 15 persoas pola quenda de discapacidade intelectual, incluídas no número de prazas publicadas na convocatoria.

Quedan pendentes de adxudicación, na segunda volta do proceso selectivo polo sistema de concurso-oposición, 14 prazas de celador e 17 prazas do grupo auxiliar da función administrativa. 

Así mesmo, no que atinxe ao proceso selectivo polo sistema de concurso de méritos quedan pendentes 32 prazas de celador e 10 prazas do grupo auxiliar administrativo, que se resolverán nos próximos meses.

As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 9 de xullo de 2025.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. 

En casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Os interesados poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.  

Data de actualización: 09/06/2025