A Xunta rescata antigos documentos das Cámaras Agrarias de Lugo para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos

Con motivo da efeméride, o Arquivo Histórico Provincial presenta hoxe unha nova publicación da serie Documentos singulares, organiza visitas guiadas esta semana e inaugurará unha exposición fotográfica a finais de mes

Lugo, 9 de xuño de 2025

O Arquivo Histórico Provincial celebra o Día Internacional dos Arquivos cunha nova presentación da serie Documentos singulares, centrada nesta ocasión na historia e o legado das Cámaras Agrarias da provincia. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro -dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude- con motivo da efeméride, que se conmemora hoxe en todo o mundo.

Como ven sendo tradicional, o Arquivo Histórico aproveita a data para dar a coñecer o rico patrimonio documental que custodia e poñer de manifesto o seu valor. Este ano rescata un documento xerado pola Cámara Agraria Local das Nogais, elaborado entre 1963 e 1964, que ofrece información sobre a emigración da mocidade do concello e a preocupación que iso produce.

As Cámaras Agrarias naceron a finais do século XIX como asociacións voluntarias de colaboración no ámbito rural, e transcorreron polos diferentes réximes políticos, con notables cambios organizativos, ata que no 1977, ao restablecerse a liberdade sindical, constituíronse como corporacións de dereito público.

O Arquivo Histórico Provincial conserva 56 fondos destas organizacións, con textos datados entre 1924 e 1996, que ocupan 196 metros de espazo e conteñen rica información sobre o mundo agrario, de tan forte pegada na nosa provincia.

Desde hoxe e ata o venres ofrece unha semana de portas abertas para que as persoas que o desexen poidan visitar as instalacións e comprobar os labores de custodia e conservación que alí se levan a cabo.

Fotografías de Constantino Rodríguez Gutiérrez

Como colofón á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos, o centro lucense inaugurará o vindeiro día 23 unha exposición fotográfica co fondo de Constantino Rodríguez Gutiérrez, cedido polos seus descendentes e herdeiros.

Rodríguez Gutiérrez, nado en Siero (Asturias), chegou a Lugo a finais do século XIX;  anos despois estableceuse pola súa conta na rúa Travesa -actual rúa Conde Pallares, na esquina con Armanyá- e alí mantivo o domicilio e o Gabinete fotográfico ata o seu pasamento no 1947. 

O fondo está composto por un total de 377 placas fotográficas, en cristal e acetato, de medidas diversas, a maior parte da súa autoría e outras realizadas por Salvador Castro Freire ou, nalgún caso, por fotógrafo non identificado.

Era especialmente recoñecido e demandado por ser un excelente retratista, e realizou exposicións en gran formato da súa obra que, a súa vez, atraían a novos clientes desexosos de contar cun retrato propio, individual ou familiar, feito por el. 

A mostra permanecerá aberta na sala de exposicións do Arquivo ata final de ano e invitarase aos centros de ensino da provincia a realizar visitas guiadas. Tanto no marco da Semana de portas abertas como da exposición, as persoas interesadas en participar nestas visitas deben solicitalo previamente no teléfono 982 828 318 ou no correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.es.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2025