Trátase dun recoñecemento organizado polo Banco Sabadell e polo Grupo Prensa Ibérica para salientar as iniciativas empresariais de maior éxito da Comunidade

Rueda respalda ao tecido empresarial como eixo de desenvolvemento económico na entrega dos II “Premios Empresa del Año en Galicia”

A Xunta leva mobilizados máis de 530 millóns de euros neste exercicio para apoiar directamente o tecido empresarial, mediante liñas de axuda ao investimento, á innovación, á dixitalización ou á internacionalización.

Apela á necesidade de manter a colaboración entre administracións e tecido empresarial para garantir un desenvolvemento sostible e inclusivo

Vigo, 9 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde en Vigo na segunda edición dos Premios Empresa del Año en Galicia, promovidos polo Banco Sabadell e polos xornais do Grupo Prensa Ibérica (Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión de A Coruña). O titular do Goberno autonómico salientou o papel fundamental das empresas como xeradoras de emprego, riqueza e estabilidade territorial, subliñando que a súa traxectoria e capacidade de innovación convértenas en referencias imprescindibles para o futuro da Comunidade. 

Rueda reafirmou o compromiso da Xunta co tecido empresarial, defendendo que unha economía forte só pode sosterse sobre empresas sólidas, competitivas e innovadoras. Neste senso, en 2025 a Administración autonómica está a destinar máis de 530 millóns de euros en apoios ao tecido produtivo, a través de axudas ao investimento, á innovación, á dixitalización e á internacionalización. 

O xefe do Executivo galego tamén puxo en valor a Oficina Económica de Galicia, un servizo creado en 2024 para ofrecer asesoramento a empresas e autónomos, que xa atendeu máis de 22.000 consultas. O Goberno galego está a reclamar ao Goberno central accións en retos estratéxicos como o reforzo das redes de distribución eléctrica, ademais de actuar no deseño dunha resposta propia á nova política arancelaria dos Estados Unidos, que pode afectar a sectores clave da industria galega.

O presidente apelou á necesidade de manter a colaboración entre administracións e tecido empresarial para aproveitar as oportunidades e garantir un desenvolvemento sostible e inclusivo. Destacou que Galicia conta con talento, capacidade emprendedora e recursos, e que a Xunta traballa para crear un entorno propicio que favoreza a consolidación e o crecemento das empresas. 

Finalmente, Rueda agradeceu a implicación das entidades financeiras e dos medios de comunicación, facendo especial mención ao Banco Sabadell e a Prensa Ibérica polo seu apoio ao tecido empresarial galego e pola difusión do talento e esforzo das empresas premiadas. Recoñeceu tamén o labor de entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia, as cámaras de comercio e os centros tecnolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2025