Rueda dá a benvida a un novo curso escolar no que a educación volverá ser gratuíta desde o inicio ata o final, unha medida coa que Galicia foi pioneira en toda España

O presidente anima a todos os mozos a aproveitalo para “moito máis que estudar”

A volta ao cole vén acompañada de 145 M€ en axudas ás familias e alumnos por parte da Xunta

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a benvida ao novo curso escolar, que será o quinto curso consecutivo no que todas as escolas infantís serán gratuítas, e o terceiro no que ocorra o mesmo coas universidades públicas galegas. Deste xeito, Galicia volverá ter unha educación gratuíta desde o inicio ata o final, unha medida na que foi pioneira en toda España.

Rueda animou a todos os mozos a comezar este novo curso académico con ganas e a aproveitalo “non só para estudar, que por suposto, senón tamén para facer amigos, para descubrir o que vos gusta e ir atopando pouco a pouco o camiño que ides seguir na vida”.

Este ano, a volta ao cole vén acompañada dun investimento da Xunta dun total de 145 millóns de euros, a través de axudas ás familias e aos alumnos en forma de apoios para a compra de material escolar e libros ou a matrícula universitaria gratuíta. Nos últimos cinco cursos aumentouse en máis dun 25 % o orzamento destas axudas, incrementando así o número de beneficiarios.

O presidente da Xunta visitou o Colexio SEI San Narciso en Marín, onde estudou, destacando que “volver ao colexio sempre ten algo especial” e que “cando pasan os anos dáste conta de que aquí aprendes cousas que te acompañan toda a vida”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2026