O delegado territorial da Xunta en Pontevedra presenta os 20 novos cargadores eléctricos que darán servizo aos vehículos oficiais do edificio administrativo de Pontevedra
Pontevedra, 10 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou esta mañá o resultado dos traballos de electrificación que se levaron a cabo no aparcadoiro de vehículos oficiais do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.
Así, o edificio conta agora con 20 novos cargadores, dos cales dous deles son de carga rápida, que darán servizo aos novos vehículos eléctricos e híbridos enchufables que chegaron nos últimos meses. Desta forma a delegación territorial de Pontevedra prepárase fronte á paulatina renovación da frota de vehículos que, pouco a pouco, irá demandando máis puntos de carga.
O obxectivo é contar cunha administración máis sustentable sen perder a liberdade e autonomía operativa.
O delegado territorial destacou a importancia de “seguir adaptándose aos novos tempos” e lembrou que esta evolución eléctrica non so beneficia ao medio ambiente, senón que “tamén supón un importante aforro en combustible para a administración”.