A delegación da Xunta en Lugo acolle unha reunión para avanzar na posta en marcha do servizo de comedor na EEI ‘Fingoi II’
Lugo, 10 de xuño 2025
A Delegación Territorial da Xunta acolleu esta mañá unha reunión de traballo entre representantes e persoal técnico da Administración autonómica e do Concello de Lugo na que se abordou a posible cesión de uso do espazo contiguo á Escola de Educación Infantil ‘Fingoi II’ para poder instalar un aula portátil que permita prestar o servizo de comedor escolar xa no vindeiro curso, tal e como demandan os pais e nais do centro.
Na xuntanza, os representantes municipais amosaron as súas dúbidas ante a posibilidade de permutar ou vender eses terreos trala colocación da aula móbil e plantexaron a opción de dotar dun andar máis ao centro. Os técnicos da Xunta explicaron que a infraestrutura móbil que se prevé instalar é desmontable, polo que en nada dificultaría ou impediría a futura disposición da parcela por parte do Concello.
En canto á opción de ampliar a EEI ‘Fingoi II’, o delegado territorial, Javier Arias, considérao “unha excusa” por parte do Concello e explica que a reunión se convocou precisamente co ánimo de buscar “unha solución áxil e inmediata” para prestar o servizo de comedor escolar “sen máis dilacións e á marxe de que se estuden solucións permanentes para o centro a máis longo prazo”.
Neste senso, na reunión acordouse finalmente que técnicos das dúas Administracións redactarán nos vindeiros días un borrador de convenio para plasmar a cesión do espazo necesario para colocar a aula móbil que dea o servizo de comedor.
Arias destaca que o comedor escolar é “un servizo moi importante”, demandado pola Anpa e pola comunidade educativa da EEI ‘Fingoi II’, “que entendemos que se debe activar canto antes para axudar á conciliación das familias do centro”.