Román Rodríguez fixa a inclusión educativa como “unha prioridade de país” que se reforzará o vindeiro curso con medidas pioneiras e á carta

A través da Estratexia galega de inclusión avanza accións para blindar a igualdade de oportunidades cun ensino adaptado ás potencialidades e necesidades de cada alumno 

O titular de Educación participa na clausura da quinta edición do programa Talentos Inclusivos para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social 

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinala que a inclusión educativa é “unha prioridade de país” para a Xunta de Galicia que o vindeiro curso se reforzará con novas medidas pioneiras e á carta que permitirán afianzar o modelo galego de ensino referente neste eido en España.

Así o sinalou esta mañá con motivo do peche da 5º edición de Talentos Inclusivos, un programa para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social impulsado pola Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Confederación Española de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral (Aspace).

No acto, no que estivo acompañado pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, o titular de Educación do Goberno galego lembrou que o sistema educativo galego contará a partir do próximo curso coa nova Estratexia de inclusión educativa, Eduinclusión 2030, dotada con 116M€, que ten como obxectivo blindar a igualdade de oportunidades para que cada alumno poida aproveitar as súas potencialidades, cun ensino á carta que se adapte ás necesidades individuais. Isto vai na liña de  avanzar no actual modelo galego como o máis equitativo e inclusivo do Estado segundo as estatísticas oficiais do Ministerio de Educación.

Neste senso, o conselleiro referiuse a novas accións como a posta en marcha da FP Básica Adaptada, para asegurar a permanencia do alumnado no sistema máis aló do ensino obrigatorio, o impulso das prácticas en empresas que fomenten a inclusión social e laboral, o apoio personalizado  aos alumnos en función das súas condicións e necesidades a través de programas formativos adaptados, o reforzo da colaboración cos colectivos de atención á diversidade para impartir formación especializada, a experiencia piloto Impulso mentor para o desenvolvemento dos estudantes de etnia xitana ou un programa para alumnado de altas capacidades, entre outros.

Precisamente, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que o programa Talentos Inclusivos “entronca co principal obxectivo desta estratexia: sacar o mellor de cada alumno”. Neste sentido, lembrou que esta folla de ruta comezará a funcionar o vindeiro curso e “contribuirá a reforzar o sistema educativo galego como o máis inclusivo de España”.

O Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, acolle ao longo da mañá de hoxe os expositores nos que os 16 centros participantes en Talentos Inclusivos amosan máis de medio cento de proxectos desenvolvidos por alumnos de ESO, Bacharelato e FP en colaboración con persoas con parálise cerebral. A través deles inténtase dar resposta a retos tecnolóxicos que melloren a calidade de vida deste colectivo. Nos equipos participan estudantes, persoas con discapacidade, profesorado dos centros educativos e investigadores do CITIC.

Propostas para a vida diaria

Entre outras propostas, os equipos participantes amosan proxectos de videoxogos adaptados, timbres inalámbricos, ramplas portátiles para cadeiras de rodas ou solucións para facilitar actividades cotiás como abrir e pechar a billa, tirar da cisterna, falar por teléfono, coidar as plantas ou amañarse diante dun espello.

Os retos tecnolóxicos foron definidos coa colaboración das entidades Aspace Coruña, Amanecer-Aspace, APAM e, por primeira vez, Cruz Vermella Coruña, que se suma ao programa para propoñer solucións orientadas ás necesidades das persoas maiores. A través deles búscase sensibilizar á mocidade sobre a diversidade funcional e as necesidades específicas das persoas con discapacidade, ao tempo que se promove a aprendizaxe colaborativa

Participan nesta quinta edición de Talentos Inclusivos os seguintes centros.

Centro

Localidade

A Coruña

CPR Calasanz-PP Escolapios

A Coruña

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

A Coruña

IES Ramón Menéndez Pidal

A Coruña

CEEPR Nosa Señora De Lourdes

A Coruña

CPR Plurilingüe Montespiño

Culleredo

IES Rego de Trabe

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Culleredo

IES Saturnino Montojo

Ferrol

IES Sofía Casanova

Ferrol

IES Terra de Trasancos

Narón

IES Breamo

Pontedeume

IES de Ortigueira

Ortigueira

IES Maximino Romero de Lema

Zas

Lugo

IES Poeta Díaz Castro

Guitiriz

Ourense

CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús

Ourense

Pontevedra

CIFP Montecelo

Pontevedra

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2025