A Xunta traballará coa Universidade de Santiago nunha mellora da proposta do mestrado de Matemáticas co obxectivo de volver ofertalo en 2026

O conselleiro de Educación destaca no Parlamento a disposición da Xunta a colaborar para reformular a titulación e incrementar o seu atractivo

Salienta que xa se aplicaron varios cursos de excepcionalidade a esta titulación, co obxectivo de dar tempo para que mellorase os seus datos

Lembra que a facultade conta con outros dou mestrados en funcionamento, con boa acollida entre o alumnado, e que a investigación nesta área está asegurada

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está disposta a traballar conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela para mellorar a proposta do mestrado de Matemáticas. “O obxectivo é acadar unha titulación reformulada que resulte atractiva para o alumnado e que avance en calidade e especialización”, detallou.

Neste sentido, o titular do departamento educativo do Goberno galego reiterou que a titulación non se pecha, de feito o alumnado que a está a cursar xa poderá rematala. Debido ao seu baixo número de alumnos, non se ofertan novas prazas para o curso 2025/26 pero, “se xustifican para o curso 2026/27 un plan de mellora razoable, a medida pode reconsiderarse”, sinalou. Polo tanto, sería posible volver ofertar a titulación, mellorada, para esoutro curso académico.

Román Rodríguez fixo fincapé en que a decisión de non ofertar prazas para o vindeiro curso responde a criterios exclusivamente técnicos, en concreto ao cumprimento do establecido no Decreto de Titulacións de 2011 respecto do número mínimo de alumnos, que foi pactado coas universidades. O mestrado de Matemáticas da USC conta cunha media de 12 alumnos nos últimos tres anos, cando o mínimo esixido son 16 estudantes.

Excepcionalidade

Cómpre destacar que, malia non cumprir os mínimos, esta titulación gozou dunha excepcionalidade no requisito de número mínimo de alumnado entre os cursos 2018/19 e 2022/23 para seguir ofertándose e así poder tomar medidas de mellora e captar alumnado.

Esta medida buscaba dar tempo á Facultade e á Universidade de mellorar os datos pero, segundo o informe de seguimento do título da Axencia para a Calidade do Sistema Universitaria de Galicia (ACSUG), “non consta no plan de mellora acción concreta algunha destinada ao incremento de alumnado de novo ingreso”.

No referido á declaración de singularidade da titulación, foi denegada dous anos consecutivos por non cumprir cos requerimentos e cos argumentos presentados. Isto é, o mestrado non ten vinculación directa cunha liña de investigación de acreditada excelencia a nivel internacional, non está vencellado a un centro da rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) e tampouco ten vinculación directa a un dos sectores considerados estratéxicos para Galicia.

Román Rodríguez lembrou, ademais, que este non é o único mestrado en Matemáticas. Nesta facultade impártense outros dous mestrados, o de Matemática Industrial e o de Técnicas Estatísticas, ambos interuniversitarios, con boa acollida e matrícula crecente.  Así mesmo, sinalou que a investigación en matemáticas está asegurada, dado que a carreira investigadora non comeza co grao ou o mestrado, senón co inicio da realización da tese de doutoramento.

Data de actualización: 11/06/2025