A Xunta subliña que os certificados de aforro enerxético supoñen unha oportunidade para acelerar a descarbonización e a competitividade das empresas
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participan na xornada Tecnoloxía e avances no Mercado CAE
Explican que este sistema de Certificados de Aforro Enerxético busca incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes e reducir os custes para os consumidores
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñaron hoxe que os Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) supoñen unha oportunidade para acelerar a descarbonización e consolidar ás empresas galegas nunha posición de liderado desde o punto de vista da sustentabilidade e da competitividade.
Durante a celebración en Santiago da xornada Tecnoloxía e avances no Mercado CAE lembraron que estes certificados xa permitiron á industria galega obter 50 millóns de euros pola venda dos aforros xerados grazas ao sistema CAE.
O Certificado de Aforro Enerxético é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. Segundo explicaron, o obxectivo é incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, reducir os custes para os consumidores, fomentar a innovación, e xerar beneficios sociais e económicos.
Ademais, destacaron que os bos datos rexistrados durante o ano 2024 respecto dos CAE solicitados son unha boa mostra do compromiso do tecido industrial galego coa transición enerxética. Así, engadiron que xa se levaron a cabo 105 actuacións cun aforro enerxético de 472 GWh, polo que tamén é importante que a cidadanía os coñeza xa que hai un gran potencial.