A Xunta reforza a formación dos servizos de educación e apoio familiar dos concellos para favorecer o seu traballo en rede
O director xeral e Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu ao terceiro encontro formativo de Servizos de Educación e Apoio Familiar (Seaf)
O Carballiño (Ourense), 12 de xuño de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor a importancia dos servizos de educación e apoio familiar municipais e destacou a aposta da Xunta por reforzalos para impulsar o seu traballo en rede.
Na inauguración do terceiro encontro formativo de Servizos de Educación e Apoio Familiar (Seaf), Jacobo Rey felicitou ao Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) por organizar este encontro anual, que busca fortalecer a coordinación e a posta en común do labor que realizan as profesionais de educación social dos distintos concellos de Galicia.
A Residencia de Tempo Libre (RTL) do Carballiño acolle entre hoxe e mañá estas xornadas, destinadas a educadoras sociais dos Servizos de Educación e Apoio Familiar dos concellos, a persoal dos equipos técnicos provinciais do menor e ás educadoras sociais de centros de protección de Galicia.