A Xunta activa o convenio con Farmamundi para intervencións de emerxencia na República Dominicana

A resposta céntrase na atención integral a máis de 3.200 mulleres migrantes haitianas e dominicanas de ascendencia haitiana

A intervención, dotada con 9.000 euros, enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1,1 M€

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2025

A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a posta en marcha de intervencións de emerxencia na República Dominicana, cun orzamento de 9.000 euros. A actuación céntrase na atención integral, especialmente en servizos xineco obstétricos, a mulleres migrantes haitianas e dominicanas de ascendencia haitiana.

Así, actuarase ao longo de seis meses nas provincias de Santo Domingo e Santiago, xa que concentran unha cantidade considerable de inmigrantes haitianos, e no caso específico da provincia de Santiago, está preto da fronteira con Haití, o que facilita a migración.

A medida prevé beneficiar 3.240 mulleres afectadas polas restricións migratorias, con servizos de atención xinecolóxica e sensibilización e orientación sobre os signos de alarma durante o embarazo, despois do parto e durante a primeira infancia. Búscase así fomentar prácticas e comportamentos preventivos e contribuír á redución da mortalidade materno infantil.

A atención en saúde desenvolverase polo socio local de Farmamundi, o Movimiento Sociocultural de Trabajo Humanitario y Ambiental, Inc. (MOSCTHA), que dispón de centros de saúde nas zonas de intervención. Ambas as organizacións teñen colaborado dende o ano 2003 para a mellora da situación socio sanitaria da poboación identificada baixo criterios de vulnerabilidade, a partir da ampliación dos servizos sanitarios e o fortalecemento das capacidades das redes locais e comunitarias de saúde.

Máis de 1 M€ en resposta a emerxencias

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1,1 millón de euros, incluíndo a contía do convenio no que se enmarca esta actuación en República Dominicana.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Data de actualización: 14/06/2025