A Xunta iniciará o luns o estendido da nova capa de rodaxe da AG-53, entre o enlace de Cea e a A-52, que farán necesario cortes de calzada

Nesta nova fase intervirase na calzada dereita da autovía, dándolle continuidade á renovación extraordinaria do pavimento desta vía libre de peaxe, na que a Xunta inviste máis de 5M€

Entre o luns e martes está previsto realizar a implantación da maquinaria na obra e traballos de microfresado en varias zonas, para comezar coa realización dos traballos de estendido a partir do mércores 18

Executarase o novo firme entre os puntos quilométricos 74,2 e 79, á altura do enlace coa AG-54

Os traballos centraranse no tramo da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 74,2 e 79, á altura do enlace coa AG-54, e contan cun prazo estimado de execución de entre dúas e tres semanas

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2025

A Xunta iniciará este vindeiro luns os traballos de estendido da nova capa de rodaxe da autovía Dozón-Ourense (AG-53) no treito comprendido entre o enlace de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas (a A-52), que farán necesarios cortes de calzada intermitentes e puntuais.

Tratase de darlle continuidade ás obras de renovación extraordinaria do pavimento desta vía libre de peaxe, que comezaron o pasado ano e se retoman agora para executar os traballos de estendido da capa da rodaxe nas mellores condicións meteorolóxicas.

Estas obras, na que a Xunta inviste máis de 5M€, entran agora nunha nova fase, tras terse rematadas as últimas reparacións localizadas do firme.

Os traballos executaranse na calzada dereita e a previsión é executar o novo firme entre o punto quilométrico 74,2, inicio do tramo, e o punto quilométrico 79, á altura do enlace coa AG-54.  A primeira fase dos traballos centraranse en actuar entre o punto quilométrico 73,8 e o 77,5, e a segunda entre o quilómetro 75,6 e o 79,2.

En concreto, entre o luns 16  e o martes 17 está previsto realizar a implantación da maquinaria na obra e traballos de microfresado en varias zonas, para comezar coa  realización dos traballos de estendido a partir do mércores 18.

Os traballos realízanse a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais no pavimento, polo que a súa execución require o corte da calzada afectada, sendo o tráfico desviado ao carril interior da outra calzada a través dos pasos de mediana existentes, en tramos que abarcarán, en xeral, uns catro quilómetros de lonxitude.

Esta nova fase das obras de renovación do pavimento da AG-53 ten un prazo estimado de execución de entre dúas e tres semanas, e as afeccións ao tráfico serán debidamente indicadas a través dos paneis de sinalización variable.

Data de actualización: 14/06/2025