O presidente da Xunta participou en Vigo nun evento conmemorativo organizado pola Consellería do Mar e a Fundación Traslatio baixo o lema 'Onde o mar nos conecta'

Rueda reafirma o liderado de Galicia na economía azul durante a celebración do Día Marítimo Europeo

Reivindica á nova Estratexia da Economía Azul de Galicia, unha folla de ruta ata 207 con 40 medidas que conta cun orzamento superior aos 114 millóns de euros

Salienta o compromiso da Xunta co desenvolvemento sostible, innovador e integrador e reivindica Galicia como comunidade referente no ámbito mariño

 

Vigo, 13 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe nun acto conmemorativo polo Día Marítimo Europeo a bordo do buque Hidria II, un espazo simbólico escollido para poñer en valor o papel estratéxico do mar para a Comunidade. Rueda salientou o compromiso do Goberno galego coa economía azul como modelo de desenvolvemento sostible, innovador e integrador.

O acto desenvolveuse baixo o lema Onde o mar nos conecta, co que se quixo simbolizar a relación profunda de Galicia co seu entorno mariño, tanto desde o punto de vista histórico como de futuro, facendo fincapé na importancia de preservar os recursos naturais e fortalecer as oportunidades para as persoas e comunidades vencelladas ao mar.

No evento, organizado pola Consellería do Mar en colaboración coa Fundación Traslatio, o xefe do Executivo autonómico puxo de manifesto a relevancia que ten o mar para Galicia, non só como elemento paisaxístico ou cultural, senón como un dos piares fundamentais da identidade, da historia e do futuro de Galicia.

O titular do Goberno galego subliñou que Galicia conta cunha das maiores cadeas mar-industria de Europa, cunha costa de preto de 1.700 quilómetros, máis de 50.000 empregos directos no sector e un peso económico que representa arredor do 5% do PIB galego. Por iso, recalcou que se debe seguir aproveitando “esta oportunidade económica, cultural e humana que supón ser a comunidade autónoma con mais quilómetros de litoral”. Ademais, fixo referencia aos datos históricos de exportacións acadados no último ano, que superaron os 2.800 millóns de euros, situando a Galicia como primeira potencia europea en pesca, acuicultura e transformación, e como a undécima a nivel mundial en exportacións no sector.

Rueda tamén se referiu á nova Estratexia da Economía Azul de Galicia como “unha enorme responsabilidade que se nos entrega e cunhas competencias moi potentes” que marcará as liñas de actuación da Xunta nos vindeiros anos. Esta folla de ruta contempla máis de 40 medidas estruturadas en seis eixos estratéxicos, cun orzamento superior aos 114 millóns e en aplicación ata 2027. A estratexia foi elaborada a través dun proceso participativo no que colaboraron máis de 200 persoas procedentes dos sectores produtivos, a Administración, a academia, a sociedade civil e os axentes ambientais.

Entre os obxectivos da estratexia destacan a mellora da gobernanza, o impulso da innovación e a transferencia tecnolóxica, a protección do medio mariño e do patrimonio cultural marítimo, así como a promoción da remuda xeracional e do emprego de calidade nas zonas costeiras.

O presidente galego insistiu en que Galicia aspira a seguir sendo un referente internacional no ámbito mariño, non só desde a excelencia produtiva, senón tamén desde a responsabilidade ambiental e social. Ademais recalcou que para xestionar o litoral “é preciso preservar as costas para crear riqueza” sen esquecer “ás persoas que viven e traballan no mar”.  Nesta liña, asegurou que a economía azul encaixa cos valores propios, apostando pola sustentabilidade, a innovación e a creación de valor a longo prazo lembrando que “o mar ten que ser sostible e non podemos esquecer todo o que temos, pero tamén debemos mirar cara o futuro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2025