Xunta e Clúster de Construción impulsan as técnicas industrializadas coa celebración dunha xornada de traballo na que intervirá o recoñecido arquitecto austríaco Hermann Kaufmann
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, abrirá esta xornada que se celebrará na Cidade da Cultura e que incidirá na importancia da construción industrializada
Ademais do arquitecto austríaco Hermann Kaufmann, que impartirá o relatorio inaugural maxistral, está prevista a participación de expertos galegos no sector da construción e da arquitectura
A xornada enmárcase no Plan de Acción para o Impulso da construción industrializada en Galicia que a Xunta ten en marcha xunto en colaboración co Clúster da Construción de Galicia
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
A Xunta celebra mañá martes na Cidade da Cultura unha xornada para poñer en valor a importancia da construción industrializada. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, abrirá ás 10,40 horas este foro, que se enmarca no Plan de Acción para o impulso da construción industrializada que a Xunta ten en marcha en colaboración co Clúster da Construción de Galicia, e que contará coa presenza do prestixioso arquitecto austríaco Hermann Kaufmann.
A xornada, na que tamén colabora a Axencia Galega de Industria Forestal, pretende afondar nos retos que supón a construción industrializada, así como as oportunidades en canto a sostibilidade, dixitalización e emprego cualificado, e tamén abranguerá as estratexias de colaboración entre sectores e coa administración.
Kaufmann (Bregenzerwal, Austria, 1955) intervirá ás 11,10 horas para pronunciar o relatorio maxistral Construción industrializada: clave para o futuro. O arquitecto austríaco é fundador de HK Architekten desde 1983 e foi catedrático na Universidade Técnica de Deseño e Construción en Madeira de Múnich, ademais de profesor visitante nas universidades de Liubliana, Graz e Liechtenstein. A súa traxectoria céntrase na arquitectura sostible e a construción en madeira.
De xeito previo á súa intervención, o presidente do Clúster da Construción de Galicia, Diego Vázquez Reino, ofrecerá a conferencia sobre a Visión do sector na adopción da industrialización (10,55 horas).
A xornada finalizará cunha mesa redonda a partir das 12,00 horas que abordará as Sinerxías para a industrialización en Galicia, na que participarán o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto; o director da Axencia Galega de Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos; o vicepresidente de Galicia Constrúe, Daniel Hermosilla Hermida; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano González Alfaya e o presidente do Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña, Juan Carlos Mato Méndez. A mesa estará moderada por Diego Freire, da directiva de Galicia Constrúe.
O Consello da Xunta aprobou en marzo o convenio co Clúster da Construción para a elaboración dun Plan de Acción para o impulso da construción industrializada en Galicia, que constitúa a folla de ruta a seguir para a transformación do sector, así como un plan director da industria da construción, sector declarado estratéxico.
Neste senso, a Administración autonómica é consciente de que o sector da construción enfronta desafíos que requiren dunha transformación para garantir a súa competitividade. Neste contexto, a aposta da Xunta pola construción industrializada é unha solución clave para impulsar o sector e acadar novas vivendas para atender as necesidades de moitos colectivos, especialmente da mocidade.