A Xunta autoriza o investimento de 15,6 millóns de euros na compra dos primeiros medicamentos de terapia xénica para o tratamento da hemofilia B
O Executivo galego autorizou a licitación da subministración sucesiva do medicamento `Etranacogen Dezaparvovec´ destinado á abordaxe do trastorno de coagulación sanguínea hereditaria
O presidente destaca que a Sanidade pública galega será pioneira en España na aplicación da terapia xénica, primeiro tratamento curativo da enfermidade
A Hemofilia B (HB) é unha enfermidade considerada rara ao ter unha incidencia de 5/100.000 persoas
Sinala que en Galicia, existen 8 persoas con diagnóstico de Hemofilia B susceptibles de recibir esta terapia por cumprir os criterios establecidos
A duración inicial do contrato será de 24 meses e prevese unha posible prórroga por dous anos máis
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta autorizou o investimento de 15,6 M€ na compra dos primeiros medicamentos de terapia xénica para o tratamento da hemofilia B.
Segundo sinalou o presidente, a licitación da subministración sucesiva do medicamento Etranacogen Dezaparvovec, destinado á abordaxe do trastorno de coagulación sanguínea hereditaria con terapia xénica, demostra “a validez da sanidade pública” e converte a Galicia “na primeira comunidade de España en tratar con terapia xénica a pacientes con hemofilia B”.
O titular do Executivo galego sinalou que ata a aparición desta terapia non existía ningún tratamento curativo da enfermidade, e que a duración inicial do contrato será de 24 meses, cunha posible prórroga por dous anos máis.
A hemofilia B (HB) é unha enfermidade rara ou pouco frecuente, cunha incidencia de 5/100.000 varóns, de transmisión xenética, ligada ao cromosoma X e causada pola carencia ou o déficit do factor IX. Malia que esta enfermidade afecta principalmente os varóns, tamén se pode observar en mulleres portadoras de mutacións causantes dela.
Criterios de financiamento e pacientes en Galicia
A Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia resolveu a inclusión deste tratamento na prestación farmacéutica, restrinxindo a súa aplicación aos tratamentos da hemofilia B grave e moderadamente grave en pacientes adultos sen antecedentes de inhibidores do factor IX, con tratamento profiláctico estable con factor IX recombinante de vida estendida durante, polo menos, dous anos e que presenten niveis de anticorpos neutralizantes anticápside contra AAV5 ≤ 1:678.
Rueda sinalou que en Galicia, o número de pacientes con diagnóstico de HB é de 51 pacientes (37 homes e 14 mulleres). Deles, “a previsión é que poidan beneficiarse 8 pacientes”, os cales son susceptibles de indicación de terapia xénica, sempre e cando cumpran co resto de criterios clínicos de inclusión recollidos no Protocolo farmacoclínico de Etranacogen Dezaparvovec.