O conselleiro de Sanidade, xunto coa xerente da área sanitaria, asistiu á conferencia que o radiólogo Roberto García Figueiras impartiu este mediodía no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol
Gómez Caamaño destaca o cambio de paradigma que xa está a supoñer a introdución da intelixencia artificial no mundo da radioloxía
O responsable da Sanidade galega remarca que a radioloxía do futuro será máis integrada, máis eficiente e máis centrada no paciente
A sesión clínica puxo de relevo como a introdución dos avances tecnolóxicos na radioloxía redundará na optimización dos diagnósticos e dos tratamentos
Ferrol, 17 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu esta mañá no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol á conferencia impartida polo doutor Roberto García Figueiras sobre o futuro da radioloxía, un acto no que destacou o cambio de paradigma que xa está a supoñer a introdución da intelixencia artificial no mundo da medina, en xeral, e no eido da radioloxía en particular.
Acompañado pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, o titular de Sanidade presenciou o relatorio Que podemos esperar da radioloxía no 2030?, no que o xefe da área de Radiodiagnóstico do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela abordou as últimas tendencia e avances tecnolóxicos que transformarán este ámbito da medicina nos próximos anos.
Segundo explicou García Figueiras, a evolución tecnolóxica suporá incrementar a precisión nos diagnósticos e tamén permitirá automatizar moitas das tarefas rutineiras que se levan a cabo diariamente nos servizos de radioloxía galegos.
Así mesmo, referiu que a mellora das técnicas de imaxe proporcionará unha información máis detallada, coa que se poderán optimizar e personalizar os tratamentos e tamén reducir o número de exposicións á radiación.
Outro dos ámbitos que experimentará un importante pulo será o da radioloxía intervencionista pois, os procedementos minimamente invasivos será máis seguros e accesibles.
Sobre este particular, no encontro destacouse a recente posta en marcha da unidade de radioloxía vascular intervencionista coa que se dotou o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que permite realizar un maior número de intervencións e reducir a estadía dos pacientes no hospital.
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade incidiu en que a radioloxía en 2030 será máis integrada, máis eficiente e máis centrada no paciente. Referiuse, ademais que, grazas aos avances tecnolóxicos progresivos, se conseguirá optimizar a prevención, o diagnósticos e o tratamento de todos os procedementos clínicos.