A Xunta participa na nova campaña de dinamización das vendas de proximidade da Asociación de Comerciantes de Teis
Vigo, 17 de xuño de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta mañá á presentación da nova iniciativa da Asociación de Comerciantes de Teis coa que se pretende fomentar o consumo local, recompensar a confianza da clientela e manter o tecido empresarial activo. Baixo o título O comercio do teu barrio ten cor, a campaña —que conta co apoio da Xunta de Galicia— pretende mobilizar máis de 1.000 premios en tickets entre os usuarios que se acheguen a realizar as súas compras nos establecementos adheridos e realicen unha tirada na gran ruleta instalada polas rúas do barrio.
O director xeral subliñou a importancia deste tipo de accións para o fortalecemento do comercio de proximidade, conectando aos consumidores cos negocios do seu territorio e contribuíndo á dinamización da economía local, sendo esta un aspecto fundamental para o crecemento e benestar da comunidade. Neste senso, Gabriel Alén lembrou que o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 —cun orzamento de máis de 320M€— recolle unha batería de ambiciosas medidas e máis de 70 accións específicas, para consolidar un sector forte, sostible, moderno e de calidade, atopándose entre elas a potenciación de experiencias de compra diferenciadas, como é no caso dos centros comerciais abertos, avanzando na súa profesionalización e rexistro e potenciando a excelencia das propostas.