A Xunta achega o proxecto de reclamación dixital en materia de consumo aos hipermercados

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa xerente do IGCC, Sol Vázquez, participou na posta en marcha deste novo sistema de reclamación dixital no servizo de atención ao cliente do primeiro hipermercado adherido a esta iniciativa

A través deste sistema, as persoas consumidoras e usuarias poderán presentar as súas reclamacións de maneira dixital a partir dun código QR vencellado ao establecemento

Gabriel Alén destacou a simplicidade, axilidade e eficacia desta ferramenta, configurada como un compromiso co cliente e a procura da súa satisfacción

Máis de 200 establecementos de toda Galicia contan xa con este sistema de reclamación dixital, que pode ser solicitado ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, visitou esta mañá un dos establementos da marca Carrefour, situado no centro comercial As Cancelas da capital galega. Neste centro, os usuarios poden facer uso do sistema de reclamacións dixitais en materia de consumo a través de QR, unha iniciativa pioneira a nivel estatal que se está a estender por toda Galicia.

Gabriel Alén, agradeceu a colaboración e o compromiso co  cliente por parte da empresa e lembrou que para calquera dúbida en materia de consumo, a cidadanía ten á súa disposición o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, así como o teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.

Na actualidade, son máis de 200 os establecementos de toda Galicia que conta xa con este sistema de reclamación dixital, que pode ser solicitado no Instituto Galego do Consumo e da Competencia a través do enderezo igc.consumo@xunta.gal.

Funcionamento do sistema de reclamación QR

Gabriel Alén  destacou a simplicidade, axilidade e eficacia do proceso de reclamación a través deste sistema, ofrecendo ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación cos seus clientes.

O director xeral explicou que as reclamacións poden presentarse de maneira dixital a partir do escaneo dun código QR que dirixe a un formulario virtual no que cumprimentar os datos persoais e o motivo da reclamación, que será remitida de maneira electrónica á empresa. De forma automática, recíbese un correo electrónico dando conta do día e da hora da presentación da reclamación e indicando que se abre un prazo dun mes para que a empresa remita contestación.

Transcorrido o prazo dun mes sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentar unha nova reclamación a través dun enlace incluído no propio correo e que cos datos cubertos na primeira reclamación ante a empresa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2025