A Xunta vai iniciar de forma inminente a actualización do protocolo de atención temperá, para o que contará co tecido social e coas familias

O Goberno galego seguirá incrementando o número de unidades de atención temperá, que xa chegan a 200 concellos

Ademais, traballa coa Agat nunha orde de acreditación para establecer uns requisitos comúns de calidade a todas elas

A Coruña, 20 de xuño de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, afirmou hoxe que a Xunta vai iniciar de forma inminente os grupos de traballo para actualizar o Protocolo de coordinación, intervención e derivación de atención temperá. Unha iniciativa para a que contará coas achegas das entidades sociais e das familias. Así o confirmaron na celebración do XV Congreso estatal de Atención temperá, organizado pola Asociación Galega de Atención Temperá da Federación Española de Asociacións de Profesionais da Atención Temperá que se celebra hoxe e mañá na Coruña.

Durante o encontro, a directora xeral de Persoas con Discapacidade puxo en valor o incremento da rede de atención temperá en Galicia nos últimos anos e que hoxe en día ofrece acompañamento e asesoramento a preto de 6.000 familias de 200 concellos. Neste senso, asegurou que a Xunta seguirá apostando por crear máis unidades e tamén por velar pola calidade do servizo. Neste senso, indicou que a Xunta está a traballar, xunto coa Agat, na elaboración dunha orde de acreditación para que todas as unidades de atención temperá da rede conten cuns requisitos comúns.

Por outra banda, salientou a aposta da Xunta pola formación dos profesionais de atención temperá, grazas á colaboración con programas formativos das entidades sociais e tamén prestando apoio económico a un mestrado específico da Universidade da Coruña.

Pola súa parte, na súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, sinalou que o departamento sanitario galego dispón de Unidades de Atención Temperá en todas as áreas sanitarias, e segue a traballar na súa consolidación e mellora. Dende estas Unidades, no pasado ano atendéronse arredor de 7.000 nenos e nenas, tanto en consulta como sesións terapéuticas, que superaron as 16.000, e para as que se conta cun equipo formado por máis de 70 profesionais de medicina, fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, logopedia ou traballo social.

Son cifras, -remarcou o director xeral-, que falan dun esforzo real, pero sobre todo da vontade de garantir unha resposta temperá, integral e coordinada, co obxectivo de seguir a avanzar cara unha atención temperá máis integrada e máis próxima ás familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2025