A Xunta destina preto de 8 millóns de euros a modernizar e innovar o parque termal de Galicia a través de dúas novas liñas de axudas
As convocatorias, que se enmarcan no Plan de Turismo Termal 2025-2028, están cofinanciadas con fondos NextGeneration da Unión Europea
O delegado territorial lembrou durante a súa visita ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo que o prazo de solicitude abriu o pasado 18 de maio
Sanxenxo (Pontevedra), 20 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o Gran Talaso Hotel Sanxenxo, un dos referentes da oferta termal da provincia, para lembrar que o pasado 18 de maio abriuse o prazo de solicitude das dúas novas convocatorias que a Xunta pon en marcha para apoiar o sector termal galego cun investimento global de preto de 8 millóns de euros. O prazo remata o 18 de xullo.
Estas dúas liñas de axuda teñen como obxectivo innovar e modernizar o parque inmobiliario e os servizos vinculados ao turismo termal da comunidade, reforzando así a posición de Galicia como primeira potencia termal de España e segundo territorio europeo con maiores reservas de augas mineromedicinais. Galicia conta con 7 dos 8 tipos de augas mineromedicinais recoñecidas en Europa, o que supón unha importante vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis especializado.
As convocatorias, de carácter plurianual para o período 2025-2026, forman parte do Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028, unha estratexia que propón catro bloques de actuación cun total de 26 medidas e un orzamento global de máis de 10 millóns de euros. Precisamente, estas axudas están integradas no bloque 2, centrado en investimentos, modernización e infraestruturas, e buscan dar un novo impulso a un sector clave para o turismo galego.
Ademais, están incluídas dentro do Plan Territorial de Vilas Termais e Cascos Históricos, cofinanciado con fondos NextGeneration da Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, o que permitirá reforzar a calidade e sustentabilidade das actuacións previstas.
Neste sentido, o delegado territorial destacou que “Galicia debe seguir liderando o turismo termal no Estado grazas ao seu potencial natural, histórico e patrimonial. Desde a Xunta estamos a crear as condicións para que as empresas poidan modernizar as súas instalacións e ofrecer unha experiencia de calidade aos visitantes que nos elixen como destino de benestar e saúde”.
Ampliar a oferta existente
En concreto, a Xunta convocou unha liña de axudas de apoio á posta en marcha de establecementos hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo. Esta convocatoria, á que se destinan 1,7M€, inclúe por unha parte a a construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e a adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso, e por outra actuacións destinadas aos sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso.
Ademais, Turismo de Galicia tamén convocou subvencións para a rehabilitación ou reforma de establecementos deste tipo que xa estean en funcionamento. Aquí, inclúense tres liñas: a propia reforma ou rehabilitación das instalacións; medidas de eficiencia enerxética e economía circular nas infraestruturas termais, que contribúan á mitigación do cambio climático; e fomento da difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde, a través de iniciativas como xornadas, publicacións e programas. Esta convocatoria conta cun investimento que supera os 6M€. As bases das dúas convocatorias poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do pasado 9 de maio.
20% da oferta de toda España
Na actualidade, Galicia conta con máis de 20 balnearios que supoñen o 20% da oferta termal de toda España. Segundo os datos da Enquisa de Turismo de Residentes 2024 , centrada no turismo nacional, do total de visitantes durante o pasado ano, 152.362 persoas dixeron vir a Galicia por motivos de turismo termal ou de benestar, un 1,5 % do total de visitantes.