Rueda reforza as alianzas entre Galicia e Corea do Sur nunha reunión co embaixador do país asiático

O presidente da Xunta mantivo unha xuntanza con Lim Soosuk na súa primeira visita á comunidade

Galicia colabora coa provincia coreana de Jeju na promoción do Camiño de Santiago e o Camiño de Jeju Olle

No 2024 rexistráronse 8.174 compostelas de peregrinos procedentes de Corea do Sur, o que representa preto do 3% do total internacional

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana unha reunión co embaixador de Corea do Sur en España, Lim Soosuk, na súa primeira visita a Galicia desde o seu nomeamento en agosto do ano pasado.

O encontro, no que tamén participou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, serviu para reforzar as alianzas entre Galicia e Corea do Sur. Neste 2025 celébrase os 75 anos de relacións diplomáticas entre o país asiático e España, sendo unha das conexións entre ambos países a colaboración entre Galicia e a provincia coreana de Jeju para facer un intercambio entre o Camiño de Santiago e Camiño de Jeju Olle.

No 2024 rexistráronse 8.174 compostelas de peregrinos procedentes de Corea do Sur, cifra que representa preto do 3 % do total internacional. No Plan Anual de Promoción de Turismo de Galicia, entre outras accións, está prevista no mes de outubro unha viaxe de familiarización de medios de comunicación coreanos para que coñezan diferentes rutas do Camiño de Santiago.

Por outra banda, Corea do Sur é a décima economía do mundo por PIB e unha das máis industrializadas e exportadoras. Este mercado pode supoñer unha oportunidade para empresas galegas de sectores como o naval, a automoción, a pesca, as conservas de peixe e marisco ou o téxtil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2025