O titular da carteira sanitaria destaca a traxectoria profesional do doutor Luis Paz-Ares, premiada pola Asociación de Médicos Galegos, Asomega

Gómez Caamaño reivindica a excelencia científica e humana da sanidade galega no acto de entrega do Premio Nóvoa Santos

O conselleiro de Sanidade resalta que o doutor Paz-Ares encarna a combinación de prestixio, ciencia e humanidade

Tamén felicita á doutora Lola Rodríguez Nogueira, premio ao proxecto de investigación, por ser un exemplo do talento e preparación dunha nova xeración de profesionais

Pon en valor o traballo da Asociación Aspronaga, tamén galardoada, que leva máis de 60 anos acompañando e coidando ás persoas con discapacidade intelectual

Agradece a Asomega o seu compromiso coa proxección da medicina galega dentro e fóra da comunidade

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou a excelencia científica e humana da sanidade galega no acto de entrega ao doutor Luis Paz-Ares do XXIV Premio Nóvoa Santos, que concede a Asociación de Médicos Galegos (Asomega).

No acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Maiores e Atención Sanitaria, Antón Acevedo, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego resaltou que o doutor Paz-Ares encarna a combinación de prestixio, ciencia e humanidade.

Incidiu en que a súa traxectoria no eido da oncoloxía clínica está guiada polo principio de avanzar na medicina pensando sempre nas persoas.

Coa incorporación de Luis Paz-Ares á nómina de premiados deste recoñecemento, o conselleiro dixo que a sanidade galega gaña en visibilidade e inspiración, posto que este galardón, ademais de ser un recoñecemento, é unha invitación a seguir construíndo unha medicina máis humana, sostida na investigación e orientada ao ben común.

Na súa intervención, o conselleiro tamén felicitou á doutora Lola Rodríguez Nogueira, premio ao proxecto de investigación, por ser un exemplo do talento e preparación dunha nova xeración de profesionais chamada a asumir con solvencia os desafíos da medicina.

Así mesmo, Gómez Caamaño fixo un recoñecemento especial ao labor da Asociación Aspronaga, tamén galardoada, que leva máis de 60 anos acompañando e coidando ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.

O conselleiro agradeceu á Asociación de Médicos Galegos (Asomega), organizadora dos premios, o seu compromiso coa proxección da medicina galega dentro e fóra da comunidade.

Gómez Caamaño reafirmou a vontade de seguir a avanzar cara a un modelo sanitario máis moderno e eficiente, nutrido de talento, de investigación e de compromiso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2025