A Xunta inviste máis de 12,1 M€ no reforzo dos servizos asistenciais da atención primaria durante o verán
O Executivo galego aprobou esta mañá o Plan de cobertura da atención primaria no verán de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salienta que as necesidades de persoal aumentan en verán “para cubrir as vacacións e polo incremento de poboación nos concellos costeiros”
A creación dunha bolsa de persoal médico voluntario para cubrir gardas nos puntos de atención continuada dispón xa de 149 profesionais anotados
Por parte do 061 ofreceron a súa dispoñibilidade a colaborar nas gardas das urxencias de atención primaria 20 médicos ata o de agora
A oferta de mobilidade temporal cara aos centros sanitarios que o precisen é outra das medidas definidas para garantir as prestacións asistenciais
Tras o éxito do pasado ano, a Consellería de Sanidade volve realizar unha encomenda ao persoal residente de 4º ano nas especialidades de pediatría e de medicina familiar e comunitaria
Ata o momento, 95 residentes de medicina familiar e comunitaria e de pediatría do último ano aceptaron participar no programa da Xunta de reforzo do verán
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que o Consello aprobou esta mañá o novo Plan de cobertura da atención primaria no verán de 2025, unha iniciativa na que se investirá 12,1 millóns de euros. O obxectivo é “reforzar” e garantir a calidade asistencial “nos servizos de atención primaria” de Galicia durante o período estival.
Calvo lembrou que durante estes meses as necesidades de persoal dos centros de saúde “vense incrementadas” tanto para cubrir as vacacións dos profesionais sanitarios coma polo “importante incremento de poboación nos concellos costeiros”.
A folla de ruta deseñada pola Consellería de Sanidade estrutúrase ao redor de catro grandes medidas que reforzarán a asistencia sanitaria do primeiro nivel asistencial da rede sanitaria pública. Trátase de medidas similares ás aplicadas o ano pasado que demostraron a súa efectividade.
Así, tal e como explicou o conselleiro, o Servizo Galego de Saúde disporá dun programa extraordinario para a cobertura de necesidades de persoal médico de familia nos puntos de atención continuada (PAC).
Para iso dispón dunha “bolsa de persoal voluntario dispoñible para facer gardas” que, en réxime de localización, poderá ser chamado entre 3 e 7 días ao mes para atender as quendas daqueles PAC que o precisen para completar a súa cobertura.
Neste momento esta bolsa de voluntarios para cubrir as quendas dos puntos de atención continuada xa suma 149 profesionais.
O departamento sanitario da Xunta tamén conta cun programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal médico da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Neste caso, os facultativos do 061 poden participar voluntariamente no programa extraordinario de PAC, aínda que non participe nesas listas. Polo momento, 20 médicos xa se anotaron nesta bolsa específica para estaren dispoñibles ante a necesidade de cubrir gardas destas urxencias de atención primaria.
O conselleiro explicou que o terceiro dos eixes definidos pola Consellería de Sanidade correspóndese coa posibilidade de participar nunha “oferta de mobilidade temporal cara aos centros de saúde que precisen dun reforzo prioritario”. Cómpre subliñar que esta medida está dispoñible tamén para o persoal doutras comunidades autónomas que acepte prestar os seus servizos nestes centros.
Por último, e tras o éxito do verán pasado, o Servizo Galego de Saúde realizará unha nova encomenda de funcións ao persoal residente MIR de cuarto ano, nas especialidades de pediatría e de medicina familiar e comunitaria. Este ano xa aceptaron participar neste programa de reforzo do verán un total de 95 residentes, unha cifra que pode verse incrementada nas vindeiras semanas.
Sobre este particular, as xerencias das sete áreas sanitarias poderán encomendar ao seu persoal residente en formación, que se atopen nos últimos catro meses do período formativo, o desempeño de funcións que son desenvolvidas ordinariamente polo persoal especialista e que sexan adicionais e extraordinarias respecto ás prestacións propias do seu plan de formación.
A encomenda terá por obxecto realizar unha ou varias das seguintes funcións: atención da consulta ordinaria dun cupo nun centro de saúde, prolongacións de xornada, para a cobertura de ausencias, por riba do seu horario ordinario, realización de gardas nos PAC ou servizos de urxencia hospitalaria.
Outras medidas adoptadas
O Plan de cobertura de necesidades de persoal médico para atención primaria no verán engádese a outras medidas adoptadas polo Goberno galego para garantir a calidade asistencial en toda a comunidade, ao tempo que achega unha maior estabilidade aos profesionais sanidade pública galega.
Así mesmo, na categoría de médico de familia hai ofertadas 271 prazas cuxo procedemento se está a desenvolver. A semana pasada foi publicada no Diario Oficial de Galicia a lista de persoas seleccionadas e os baremos definitivos do seu concurso-oposición.