Galicia inicia a elaboración dos orzamentos de 2026 mentres que o Goberno central segue coa prórroga dos de 2023

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destaca que a comunidade avance “na vía da confianza” nun contexto nacional e internacional marcado polas “incertezas e a inestabilidade”

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do vindeiro exercicio, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destaca “o estilo Galicia” que aporta “estabilidade política e institucional” e permitirá aprobar os vindeiros orzamentos “en tempo e forma”

Reforzar o sector produtivo, as políticas de acceso á vivenda o estado do benestar, con especial atención á dependencia, serán as principais prioridades, ademais de desenvolver as novas competencias do litoral e a preparación do Xacobeo 2027

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que “iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano”. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo.

Calvo resaltou que mentres Galicia “comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023”. Ademais, salientou a necesidade de que Galicia “siga avanzando pola vía da confianza” nun momento marcado a nivel nacional e internacional “polas incertezas e a inestabilidade”. “A Xunta pon a estabilidade ao servizo dos galegos e galegas, iniciando con normalidade a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano para que estean aprobados en tempo e forma”, engadiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

O proceso continuará a finais de xullo, tal e como indicou Corgos, coa “aprobación do teito de gasto non financeiro” e a entrega do proxecto de orzamentos “antes do 20 de outubro” para a súa aprobación antes de finais de ano. Todo isto co obxectivo de que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2026 para comezar a súa execución. 

Tal e como salientou o conselleiro de Facenda, pese incertezas económicas e xeopolíticas no eido nacional e internacional, “Galicia segue funcionando” e “grazas a súa estabilidade política e institucional” presentará unhas contas que reforzarán os sectores produtivos para darlle un novo pulo á transformación económica de Galicia, blindarán o estado do benestar e primarán os servizos públicos e as políticas de acceso á vivenda. Ademais, desenvolverán as novas competencias do litoral e a avanzarán na preparación do Xacobeo 2027.

Así mesmo, tal e como explicou Calvo, as contas do vindeiro ano “conterán as previsións precisas para rematar os proxectos financiados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia”, cuxo prazo de execución remata en agosto de 2026, asegurando o seu pleno aproveitamento e o seu impacto transformador. Así mesmo, promoverán un investimento público que modernice os servizos esenciais como a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a vivenda, coa finalidade de garantir a igualdade de oportunidades e a atención ás persoas máis vulnerables, así como promover a mobilidade sostible e a cohesión territorial.

Para elaborar os novos orzamentos, Galicia precisa do Goberno central información dos recursos do sistema de financiamento autonómico e a concreción dos compromisos de consolidación fiscal, información de que se carece debido á prórroga dos orzamentos estatais, dous anos consecutivos, e pola falta de colaboración institucional.

Cando xa hai que empezar a traballar nos vindeiros orzamentos, o Goberno central acaba de aprobar, aínda agora, a actualización das entregas a conta correspondentes aos orzamentos de 2025, e as comunidades autónomas aínda non recibiron eses recursos.

A única certeza que temos é que existe unha diferenza de 1.531 millóns de euros, a razón de 127 millóns cada mes. Con este atraso, de momento de seis meses, a Administración galega ten un custo financeiro de 6,5 millóns, que aumentará ata que o Goberno central regularice esta situación. E, ademais, cun recorte de 23 millóns de euros no total de entregas á conta sobre o inicialmente comunicado.

Corgos salientou que coa aprobación desta orde, Galicia pon de manifesto que segue a súa propia senda de estabilidade e “mantén un estilo propio, o estilo Galicia” que lle está a permitir un diferencial positivo de crecemento pospandemia, executar a totalidade do seu orzamento, reducir o endebedamento, estar á cabeza en investimento produtivo e seguir pagando con axilidade aos seus provedores. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2025