O presidente da Xunta visitou hoxe as obras do ámbito PS-6, cun investimento de 4,8 millóns de euros e cunha finalización prevista para mediados de 2026

Rueda compromete en Vigo máis de 15 M€ na transformación da ETEA como espazo urbano, científico e social

 Resalta a importancia de “revitalizar” esta emblemática zona da cidade e aposta pola colaboración entre administracións para axilizar as obras

Inclúe a creación do Campus do Mar de Galicia, que describe como un proxecto estratéxico para converter Vigo nun referente internacional en coñecemento, innovación e desenvolvemento científico e tecnolóxico vencellado ao eido mariño

A intervención en marcha permitirá a construción da futura residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega, dotada con 150 prazas

Vigo, 24 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno autonómico ten comprometidos máis de 15 millóns de euros na transformación e recuperación do antigo complexo da ETEA de Vigo, un espazo emblemático da cidade e cun enorme potencial de desenvolvemento. Rueda salientou a importancia de “revitalizar” esta zona para convertelo nun espazo urbano, científico e social á disposición de “Vigo, a súa comarca e toda Galicia”.

Durante unha visita ás obras do ámbito PS-6, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o xefe do Executivo autonómico puxo en valor a  intervención xa en marcha, cun investimento da Xunta de 4,8 millóns de euros e un horizonte de finalización previsto para mediados de 2026. Esta actuación permitirá dispoñer dun novo espazo urbano de 20.000 metros cadrados, centrado na mobilidade peonil, na conectividade verde e na calidade urbana, como paso previo á construción da futura residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega, dotada con 150 prazas. 

O proxecto inclúe tamén a renovación completa das redes de abastecemento, saneamento, electricidade, telecomunicacións e gas, contribuíndo á modernización dunha contorna ata agora infrautilizada. 

Rueda reiterou que todas estas actuacións forman parte dunha visión de futuro que ten como obxectivo final a creación do gran Campus do Mar de Galicia. Trátase dun proxecto estratéxico co que se aspira a converter Vigo nun referente internacional en coñecemento, innovación e desenvolvemento científico e tecnolóxico vencellado ao mar. “Está concebido coma un campus fundamental que lle dea entidade académica e científica a Vigo”, indicou o presidente.

Nesta liña, informou de que o Consello da Xunta xa autorizou a sinatura do convenio para a urbanización do ámbito PS-1, clave para dotar de servizos ao conxunto da ETEA e estruturar o futuro campus. A achega da Xunta a este proxecto ascenderá a máis de 10,5 millóns de euros, e só resta que o Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca se incorporen ao convenio para poder formalizalo e avanzar nas actuacións.  

O titular do Goberno galego insistiu en que a Xunta está preparada para asinar de inmediato, e subliñou que este tipo de proxectos demostran que, cando hai vontade política e responsabilidade institucional, as iniciativas saen adiante e redundan no benestar da cidadanía. “Ten que ser un traballo conxunto das administracións”, indicou.

Ademais da obra no PS-6 e da previsión de urbanizar o PS-, nas próximas semanas se iniciará a tramitación para rehabilitar o edificio da antiga panadaría (PS-5), co obxectivo de transformalo nunha cafetería aberta ao público, que contribúa a dinamizar a zona e a dotala de novos servizos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2025