A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participa na inauguración do proxecto Casas do Sarela en Santiago

Lorenzana destaca a contribución das empresas turísticas á internacionalización da economía galega

Pon en valor esta iniciativa que a nivel arquitectónico conxuga “tradición e vangarda” e subliña o compromiso da Xunta co apoio e o acompañamento ás empresas

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que as empresas do sector turístico están a contribuír á internacionalización da economía galega pois “dannos cada vez máis proxección exterior”.

Lorenzana participou en Santiago na inauguración do proxecto Casas do Sarela, onde aproveitou para poñer en valor esta iniciativa que “a nivel arquitectónico conxuga tradición e vangarda” e que converte a antiga fábrica de curtidos de Ponte Sarela nun acolledor establecemento turístico integrado na súa contorna.

Na súa intervención, a conselleira destacou o récord acadado polas exportacións galegas (máis de 31.000 millóns de euros) e puxo en valor que o sector turístico abrangue xa o 11% do total de ocupados na Comunidade e que no que vai de ano obtivo uns ingresos de 118 millóns de euros, un 2,9 % máis que no mesmo período de 2024.

Finalmente, a titular de Economía e Industria destacou o compromiso do Goberno galego co apoio e acompañamento ás empresas e a proxectos coma este, “que ogallá contribúa a expandir aínda máis este ciclo tan positivo que vive o turismo en Galicia”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025