A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora da accesibilidade á vivenda financiado co FEDER

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, participa en Madrid na reunión de revisión anual de rendemento do FEDER coa Comisión Europea

No panel sobre vivenda accesible, presenta as actuacións que Galicia vai financiar con estes fondos, no marco da planificación estratéxica da Xunta en materia de vivenda

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025

A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora de accesibilidade á vivenda financiado con fondos europeos FEDER. O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, participa desde hoxe na reunión de revisión anual de rendemento dos fondos FEDER que se celebra ata mañá en Madrid e onde se aborda a modernización da política de cohesión, no contexto das novas prioridades da Comisión Europea.

Para iso celébranse dous obradoiros de forma paralela, centrados en temáticas destacadas e emerxentes e que supoñen importantes retos sociais e que gañarán presenza nos programas da política de cohesión: vivenda e resiliencia hídrica. Ángel Tarrío presenta, no panel sobre vivenda, os proxectos en materia de mellora de accesibilidade á vivenda que se queren incorporar ao programa FEDER de Galicia 2021-2027, dentro da planificación estratéxica en vivenda da Xunta de Galicia.

O obxectivo é aumentar o parque público de vivenda mediante un modelo eficiente, sostible e inclusivo, a través da promoción de nova vivenda pública e a rehabilitación en edificios situados en centros históricos para destinalos a alugueiro social, integrando os principios da Nova Bauhaus Europea: sustentabilidade, estética e inclusión.

As xornadas analizan o estado de situación e peche dos programas do marco 2014-2020, así como o avance e perspectivas de execución dos programas do período 2021-2027. Tamén se tratan temas actuais de xestión dos programas, como o uso de instrumentos financeiros, a avaliación de políticas públicas financiadas con FEDER e a comunicación e difusión dos proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025