Román Rodríguez agradece o esforzo do alumnado participante nos Premios Extraordinarios da ESO, que este ano acadan unha cifra récord
O conselleiro de Educación destaca a importancia de recoñecer o talento e a excelencia académica desde as etapas máis temperás
Máis de 630 estudantes presentaranse ás probas, case 100 máis que na convocatoria anterior
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, estivo hoxe presente nos exames dunha das cinco sedes das probas dos Premios Extraordinarios de Secundaria. O titular de Educación expresou o seu agradecemento e recoñecemento ao esforzo dos máis de 630 alumnos que este ano participan nestas avaliacións.
As probas están a desenvolverse de maneira simultánea nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo e reúnen a estudantes con nota media superior a 9 en toda a ESO. “Queremos recoñecer publicamente o traballo, o compromiso e a constancia dun alumnado que representa o mellor da nosa educación” sinalou o conselleiro. Ademais, destacou que esta convocatoria “consolídase como unha ferramenta clave para poñer en valor o mérito e a excelencia académica”.
Nesta edición introdúcese unha novidade, dado que por primeira vez, as probas celébranse no mes de xuño e non en setembro como viña sendo habitual. O obxectivo desta modificación foi facilitar a participación do alumnado evitando que os estudantes teñan que regresar aos centros fóra do calendario lectivo. “O cambio de datas foi unha decisión acertada, como demostra o feito de que este ano se rexistraron case 100 participantes máis que o ano pasado” asegurou o titular de Educación.
As probas constan de cinco exames repartidos en dúas partes. A primeira parte avalía as competencias lingüísticas en lingua galega, lingua castelá e lingua estranxeira, a segunda parte inclúe probas de Xeografía e Historia e Matemáticas. Tras a súa realización, un total de 20 estudantes serán recoñecidos con este galardón que inclúe unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo.