Na mesa redonda ‘O futuro dos Reais Clubs Náuticos’ ao abeiro do ‘Congreso do Mar’ que se celebra ata o 29 de xuño no Real Club Náutico de Vigo

A Xunta enxalza os clubs náuticos galegos como dinamizadores de actividades como a vela, o piragüismo, o remo, a natación, o surf ou a pesca

O secretario xeral para o Deporte destacou o seu papel na organización de eventos deportivos co apoio da Xunta de Galicia

A delegada territorial en Vigo asegurou que o Goberno galego traballa para ensinarlles aos máis cativos os valores do deporte e tamén da cultura e de todo o que representa o mar en Galicia

Vigo, 26 de xuño de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, participou esta mañá na mesa redonda O futuro dos Reais Clubs Náuticos ao abeiro do Congreso do Mar que se celebra ata o 29 de xuño no Real Club Náutico de Vigo. Alí, o mandatario galego defendeu a importancia dos clubs náuticos en Galicia, toda vez que son “principais dinamizadores de deportes tan relevantes para o deporte galego como a vela, o piragüismo, o remo ou o surf”.

Lete Lasa apuntou tamén ao papel que xoga a organización de eventos deportivos e competicións na actividade cotiá dos clubs náuticos e como pode ser un importante elemento de crecemento para a actividade destas entidades deportivas. Neste punto resaltou a importante labor de fomento que a Secretaría Xeral para o Deporte fai na organización de eventos deportivos náuticos de carácter nacional ou de deporte adaptado, entre outros, e recordou a experiencia galega na organización de grandes eventos como a saída da Volta ao Mundo a Vela, Volvo Ocean Race, en 2005. “A celebración destes eventos na nosa comunidade non só repercuten moi positivamente na dinamización deportiva, senón tamén dende un punto de vista económico e turístico, ademais de mostrar a capacidade organizativa de Galicia a das súas entidades deportivas”, dixo.

O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia dos deportes náuticos teñen para o turismo deportivo en Galicia xa que “as condicións de navegación da nosas rías, que permiten navegar durante todo o ano, son un elemento que pode axudar a desestacionalizar o turismo, atraendo visitantes fora das tempadas altas”.

Pola súa banda, a delegada territorial felicitou aos organizadores e sinalou que "debemos conseguir que a vela, o remo, a natación, o piragüismo, o surf ou a pesca, actividades nas que Vigo destacou desde as súas orixes, estean ao alcance de todos, dos nenos e dos maiores". "Podedes estar seguros de que desde a Xunta poñemos todo o noso empeño en que así sexa, non só para ensinarlles os valores do deporte, senón tamén da cultura e de todo o que representa o mar en Galicia", engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025