O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, participou na Xornada de Fisioterapia en Atención Primaria: foro de actualización de coñecementos e intercambio de experiencias celebrada no edificio administrativo de San Lázaro
A Xunta pon en valor o papel dos fisioterapeutas no tratamento de patoloxías como a disfunción do solo pelviano ou a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, puxo en valor o labor dos fisioterapeutas na prevención de enfermidades e na promoción da saúde, durante a Xornada de Fisioterapia en Atención Primaria: foro de actualización de coñecementos e intercambio de experiencias, celebrada no salón de actos da Consellería de Sanidade.
Esta xornada é a segunda que se realiza de xeito presencial para difundir a carteira de servizos de fisioterapia en atención primaria e comunitaria no Servizo Galego de Saúde, unha serie de servizos detallada nun documento elaborado por profesionais das sete áreas sanitarias e que foi aprobado en 2023 no Consello técnico de atención primaria a petición da Comisión sectorial 5ª do propio Consello, da que é coordinador Guillermo Bilbao.
O director xeral de Asistencia Sanitaria remarcou que o traballo en equipo destes profesionais permite unha mellora na calidade de vida das persoas e fortalece a atención primaria. Como exemplo disto, destacou o programa de abordaxe á disfunción do solo pelviano, unha iniciativa pioneira a nivel nacional na que traballan de forma conxunta fisioterapeuta e matrona.
Así mesmo, tamén puxo de manifesto a relevancia da fisioterapia respiratoria na abordaxe dos problemas respiratorios crónicos, especialmente da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), que afecta a preto dun 10 % da poboación maior de 40 anos.
Por último, Alfredo Silva sinalou o reforzo e consolidación desta categoría profesional, lembrando que o Executivo galego aprobou este luns a oferta pública de emprego para o 2025 con 13 prazas de fisioterapeuta.