A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe a actuación xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez
A Xunta somete a información pública o proxecto actualizado de prolongación da autovía da Costa da Morte entre Santa Irena, en Vimianzo, e a conexión coa estrada AC-432
A Administración autonómica investirá 36,4 millóns de euros na construción do novo treito de 5,5 quilómetros, e prevé licitar as obras antes de que remate este ano
A conselleira subliñou que esta prolongación continuará o tramo entre Carballo e Baio, en servizo desde 2016 con case 28 quilómetros libres de peaxe
Allegue subliñou o compromiso da Xunta coa comarca e cunha Galicia “vertebrada, ben comunicada e cunhas infraestruturas sostibles e seguras”
O proxecto inclúe a construción no treito de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe
Vimianzo (A Coruña), 27 de xuño de 2025
A Xunta somete a información pública o proxecto actualizado da prolongación da autovía da Costa da Morte, a AG-55, no treito entre Santa Irena, no concello de Vimianzo, e a estrada AC-432. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, anunciou hoxe en Vimianzo esta actuación, na que a Administración autonómica prevé un investimento de 36,4 M€.
O obxectivo desta prolongación, cuxa información pública sae hoxe anunciada no Diario Oficial de Galicia e se estenderá ata o 12 de agosto, é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte entre Carballo e Baio, en servizo desde o ano 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.
O novo tramo terá unha lonxitude de 5,5 km, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. O proxecto inclúe a construción no treito de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe.
Como explicou a conselleira, a estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento do viario sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos 7+005 e 7+249.
O Goberno galego prevé aprobar definitivamente no vindeiro mes de setembro e licitar a obra antes de que remate o ano.
Martínez Allegue subliñou o compromiso da Xunta coa comarca e cunha Galicia “vertebrada, ben comunicada e cunhas infraestruturas sostibles e seguras” e destacou que a actuación permitirá incrementar a rede viaria autonómica de alta capacidade para mellorar as conexións viarias da Costa da Morte, “dentro da aposta da Xunta por esta comarca e o seu dereito a unha conexión e mobilidade segura”, como xa avanzou esta semana en intervención parlamentaria.
A conselleira lembrou que a prolongación da AG-55 é posible grazas ao esforzo inversor da Xunta en materia de infraestruturas “para seguir aumentando o número de quilómetros de vías de alta capacidade titularidade autonómica” e tamén ao rescate que fixo o Goberno galego dos contratos de concesión das autoestradas do Salnés, da Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, que supón un aforro duns 330 M€ nos orzamentos dos vindeiros anos, o que permitirá seguir aumentando o número de quilómetros de vías de alta capacidade
“Seguimos conectando Galicia -afirmou- con actuacións coma esta, que transforman. E, con iso, mellorando a competitividade do territorio e favorecendo a cohesión social”.