O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu no acto de entrega da correspondente certificación
O Servizo Galego de Saúde, recoñecido a nivel internacional polo control das súas emisións e o seu compromiso co cambio climático
O titular da carteira sanitaria recolle a certificación que acredita o cumprimento do protocolo que ten por obxectivo medir e diminuír as emisións
Remarca a implicación dos profesionais das sete áreas sanitarias neste logro
Pon en valor que o Servizo Galego de Saúde iniciou hai máis de 20 anos un proceso de transformación dirixido á consecución dun sistema sanitario sostible que coide das persoas
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025.
O Servizo Galego de Saúde vén de ser recoñecido a nivel internacional polo control nas súas emisións e o seu compromiso co cambio climático. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recolleu hoxe a Certificación GHG Protocol, que acredita o cumprimento do protocolo de gases de efecto invernadoiro, que ten como obxectivo medir e diminuír a súa expulsión á atmosfera ata acadar as cero emisións.
No acto de entrega desta acreditación que concede AENOR, participaron tamén o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, así como xerentes e representantes das diferentes áreas sanitarias.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor que o Servizo Galego de Saúde estea entre as entidades certificadas neste protocolo, o que amosa a implicación dos profesionais sanitarios galegos coa sostibilidade ambiental.
Vinte anos de transformación
Diante da ameaza que supón o cambio climático, que pode derivar nunha crise sanitaria, Gómez Caamaño subliñou que o Servizo Galego de Saúde iniciou hai máis de 20 anos un proceso de transformación dirixido á consecución dun sistema sanitario sostible que coidara das persoas.
Este proceso levou ao departamento sanitario galego a establecer no ano 2023 a súa Estratexia de Economía Circular, froito do traballo dun equipo multidisciplinar, deseñando unha folla de ruta propia que sitúa á sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente co obxectivo de acadar unha Galicia climaticamente neutra, con cero emisións no 2040.
No marco desta estratexia do departamento sanitario galego, o conselleiro destacou a inclusión de medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles. Ademais, promóvese a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira.
Todas estas iniciativas son as que fan que o Servizo Galego de Saúde acadara o recoñecemento de Campión Climático 2024 por parte da organización non gobernamental Health Care Without Harm, sendo un dos sete servizos de saúde recoñecidos en todo o mundo.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro remarcou que o cambio climático é unha ameaza común que esixe solucións conxuntas, responsabilidades compartidas e unha visión de futuro.