Diego Calvo destaca a tradición do Trofeo Presidente da Xunta como referente da vela galega

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes presentou hoxe as cinco regatas que integran o Circuíto Galego de Alto Nivel

A primeira proba, a XXV Regata S.A.R. Infanta Elena, disputarase esta fin de semana no Real Club Náutico da Coruña

A Coruña, 27 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación dunha nova edición do Trofeo Presidente da Xunta de vela, que contará con 60 embarcacións, e permitirá situar unha vez máis a Galicia como escenario ideal para acoller probas deportivas de primeiro nivel. Ao acto tamén asistiron o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, e representantes do Real Club Náutico da Coruña, así como a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

O Trofeo Presidente da Xunta naceu no ano 2001 e recoñece os mellores do Circuíto Galego de Alto Nivel nas categorías ORC (cruceiros) e J80 (monotipos), sendo un dos máis cobizados polos clubs e deportistas debido ao seu prestixio. O premio consiste nunha representación do botafumeiro, o incensario da Catedral de Santiago de Compostela.

A competición comeza esta mesma fin de semana na Coruña coa Regata S.A.R. Infanta Elena, organizada precisamente polo Real Club Náutico da Coruña. A continuación será a quenda do Club Náutico de Ares, que acollerá a Regata General Gabeiras do 12 ao 13 de xullo. Ademais, o Real Club Náutico de Portosín celebrará a Regata Mar de Finisterre– Trofeo Pitusa Sabín os días 23 e 24 de agosto. A seguinte proba será o Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona do 5 ao 7 de setembro. Finalmente, a Regata Rei Xoan Carlos I disputarase no Real Club Náutico de Sanxenxo do 12 ao 14 de setembro.

Diego Calvo destacou que estas probas reunirán os mellores regatistas e aproveitou para poñer en valor o nivel da vela galega. Así, lembrou que Galicia pode presumir de contar con regatistas olímpicos e mesmo tres medallas: as de ouro de Antón Paz e Fernando Echávarri en Pequín 2008, as de Sofía Toro e Támara Echegoyen en Londres 2012, ou o bronce de Nico Rodríguez en Toquío 2020. De feito, a vela galega é o cuarto deporte que máis galegos ten levado a uns Xogos Olímpicos, despois do atletismo, o piragüismo e o remo. O conselleiro sinalou que deportistas coma eles son o espello das xeracións novas que os ven como referentes e mencionou a Patricia Suárez como candidata a representar a Galicia e España nos Xogos de Los Ángeles 2028.

Cómpre engadir que dos máis de 1.600 deportistas de alto nivel de Galicia, 69 son da Real Federación Galega de Vela, a oitava con maior número de DGAN.

Para impulsar este talento, a Xunta leva investidos máis de 6,5 millóns de euros na modalidade, dos que máis de 339.400 euros corresponden ao convenio coa Real Federación Galega de Vela para este ano.

O titular de Deportes salientou ademais a importancia de que Galicia se converta nun referente para os deportes náuticos ao acoller de novo unha competición como o Trofeo Presidente da Xunta. Por iso, agradeceulles tanto á Real Federación Galega de Vela como ás entidades organizadores o traballo realizado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025