A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a mina e a fábrica de Magnesitas de Rubián
Lorenzana avanza que en breve se celebrará a primeira reunión do Consello da Minería de Galicia
Indica que é un órgano que a Xunta recuperou “para continuar traballando con todas as empresas dedicadas a este sector nun desenvolvemento mineiro seguro pero economicamente moi importante dentro da comunidade autónoma”
Pon Magnesitas de Rubián como exemplo do “estrito” compromiso desta industria pola seguridade laboral e a sustentabilidade
O Incio (Lugo), 27 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que “en breve” se celebrará a primeira reunión do Consello da Minería de Galicia, un órgano que a Xunta recuperou, dixo, “para continuar traballando con todas as empresas dedicadas a este sector nun desenvolvemento mineiro seguro pero economicamente moi importante dentro da comunidade autónoma”.
Lorenzana visitou hoxe a fábrica e a mina de Magnesitas de Rubián, o único xacemento galego deste mineral en Galicia e un dos dous que hai na Península, que leva máis de sesenta anos explotando este recurso na comunidade.
A conselleira púxoa como exemplo do “estrito” compromiso do sector pola seguridade laboral e a sustentabilidade posto que, neste caso, apuntou que esta empresa dispón dunha planta fotovoltaica para autoconsumo que satisfai un 25 por cento dos custos de enerxía que precisan as súas instalacións e que contou co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) por máis de 440.000 euros.
Nesta liña, reivindicou a aposta que está facendo a Xunta de Galicia por apoiar e acompañar o desenvolvemento mineiro porque, segundo dixo, “é un recurso natural, riqueza da comunidade autónoma que, ademais, supón a xeración de emprego industrial de calidade e de maior autoabastecemento”.
Así, lembrou que a Xunta convocou este ano 51 novos permisos mineiros de investigación, 17 deles na provincia de Lugo, e que, despois do verán, está previsto que se convoquen máis.
“Este é o camiño que ten que seguir a minería; unha minería comprometida co territorio, desde o punto de vista ambiental e que deixa emprego e desenvolvemento industrial en Galicia”, concluíu.