A Xunta invita a participar na xornada Tecnoloxías avanzadas nun xemelgo dixital intelixente que contará co experto en ciberseguridade, Chema Alonso
O evento celebrarase o vindeiro 2 de xullo en Vigo e será inaugurado polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025
A Xunta invita a participar na xornada Tecnoloxías avanzadas nun xemelgo dixital intelixente. Casos de éxito-Proxecto Twin NavAux que se celebrará o vindeiro 2 de xullo en Vigo, e que contará coa presenza do recoñecido experto en ciberseguridade, Chema Alonso.
O evento será inaugurado polo director xeral de Planificación e Minas, Pablo Fernádez Vila, e nel participarán ademais, un importante número de empresas galegas e portuguesas que aproveitarán para mostrar os xemelgos dixitais que están a implantar e as tecnoloxías que os compoñen.
O proxecto Twin NavAux está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) e céntrase en impulsar o uso do xemelgo dixital na industria auxiliar naval de Galicia e do Norte de Portugal. Así, ten como principal obxectivo establecer unha base tecnolóxica e as condicións de formación do persoal necesario para facilitar a implantación masiva de xemelgos dixitais de produtos, tanto para o sector naval como noutros sectores produtivos da Eurorrexión.