O titular de Sanidade participou no acto de entrega da acreditación de calidade ao Servizo de Urxencias do Hospital Público do Salnés, que presta 50.000 asistencias

Gómez Caamaño pon en valor a calidade asistencial e humana das urxencias do Servizo Galego de Saúde e avoga por impulsar ao máximo a formación especializada

O Hospital Público do Salnés convértese no primeiro centro comarcal español en conseguir a acreditación de calidade do seu servizo de Urxencias

Os tempos de espera na atención das urxencias, a organización funcional ou a formación dos profesionais son algúns dos criterios que motivaron a acreditación

O tempo medio de espera para triaxe é de 8 minutos e de 33 minutos para a atención posterior

As urxencias do hospital vilagarcián son unha das 20 unidades comarcais máis activas a nivel científico en todo o territorio

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou esta mañá a calidade asistencial e humana dos Servizos de Urxencias do Hospital Público do Salnés, unha unidade que vén de ser recoñecida coa acreditación de calidade que outorga a Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (SEMES).

Deste xeito, o centro hospitalario vilagarcián convértese no primeiro centro comarcal de toda España que contará cunha distinción que recoñece o bo labor que desempeñan os seus profesionais de urxencias.

Entre os criterios que fixeron ao Hospital Público do Salnés merecedor desta credencial destacan os tempos de espera na atención das urxencias, a organización funcional do centro ou a formación coa que contan os máis de 100 profesionais que integran este servizo.

O servizo de urxencias do Hospital do Salnés realizou en 2024 preto de 50.000 asistencias, cunha media de 135 cada día. O tempo medio de espera para a triaxe é de 8 minutos e de 33 minutos para a atención posterior.

Neste acto, ao que tamén asistiron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, o titular da carteira sanitaria da Xunta salientou que, a nivel comarcal, as urxencias do hospital vilagarcián son “unha das 20 unidades máis activas a nivel científico de todo o territorio nacional”.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño avogou por impulsar ao máximo a formación sanitaria especializada e, máis concretamente, a referida á atención das urxencias.

“A Xunta aposta con firmeza pola especialización dos profesionais de Urxencias”, subliñou Gómez Caamaño, ao tempo que lembrou as reiteradas peticións realizadas polo Executivo galego ao Ministerio de Sanidade para que crease a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias.

Unha vez aprobada a súa creación, abundou o conselleiro, “agora precisamos que se materialice canto antes de forma seria e rigorosa en beneficio dos pacientes, dos profesionais e da organización sanitaria”.

O máximo responsable da Sanidade galega agradeceu o traballo, o esforzo e o compromiso de todos os profesionais que contribuíron a acadar un novo recoñecemento que fai da rede sanitaria pública galega un referente para o conxunto do Estado. Pechou a súa intervención remarcando que “esta acreditación non é un regalo nin un trámite. É o resultado dun proceso rigoroso”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2025