Os directores xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica compareceron na Comisión de Pesca do Parlamento
A Xunta destina á conservación, rexeneración e posta en valor do marisqueo do Salnés máis de 1M€
Mar traballa na actualización da normativa de pesca marítima profesional, co fin de mellorar a normativa reguladora da pesca galega, corrixindo así a excesiva intervención reguladora, a través da implantación de solucións administrativas máis eficaces e eficientes
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
A Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, destacou a aposta da Consellería do Mar para a difusión, rexeneración e posta en valor da actividade marisqueira na comarca do Salnés. Tal é así que o investimento realizado e o previsto para os vindeiros meses neste materia supera o 1 millón de euros.
E é que só a través da Orde do 9 de abril de 2025, están convocadas axudas por importe de máis de 700.000 euros para seis proxectos desta zona, co fin de reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal, garantindo unha actividade económica, social e ambientalmente sutentable. Destas achegas resultan beneficiarias as confrarías de pescadores Virgen del Rosario de Vilaxoán, a de San Antonio de Cambados, a de San Martín do Grove, a de Pastoriza e a OPP20 Illa de Arousa. Un total de 26 vixilantes e 11 asistencias técnicas concedidas.
No marco da Orde do 11 de decembro de 2024, pola que se fixa a colaboración económica para o ano 2025 a proxectos colectivos, para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables, estanse a financiar, nesta mesma comarca outras seis iniciativas por valor de 166.500 euros. Asemade, ao amparo da Orde do 10 de decembro de 2024 relativa ás axudas a proxectos de rexeneración que permiten mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúen a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, concedéronse preto de 40.000 euros aos pósitos da zona.
Este investimento, tal e como destacou a directora xeral, verase reforzado coas axudas habilitadas recentemente pola Xunta para proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recolleita de residuos e arribazóns de algas, coa que se vai contribuír á protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos. Esta iniciativa para aa entidades costeiras galegas conta cunha partida de 1,1 millóns de euros.
Completan este apoio económico, o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 aprobado no ano 2023, segundo o cal as confrarías do Salnés executaron8 plans, e o desenvolvemento de campañas informativas e de concienciación cidadá por valor de máis de 200.000 euros levadas a cabo nesta zona e nos areais de A Coruña e de Lugo.
Normativa de pesca marítima profesional
A Consellería do Mar revisará e actualizará a normativa en materia de pesca marítima profesional, co fin de dar resposta ás demandas e necesidades do sector, facilitando así un crecemento ordenado e sostible que promova a renovación e a modernización de estruturas produtivas pesqueiras galegas.
Esta circunstancia incide especialmente, segundo detallou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, na flota pesqueira artesanal, cuxa regulación, por medio dunha disposición normativa con rango de decreto, permita adoptar medidas que conduzan ao crecemento dun subsector tan importante para as poboacións costeiras.
Polo tanto, dende a Xunta avógase por adecuar á realidade galega aos mandatos establecidos na lexislación comunitaria, nacional e galega, simplificando, racionalizando e actualizando todo o corpo normativo, de tal xeito que se integrar nun único texto todas as disposicións vixentes. Isto afectaría, entre outros, aos Decretos de 2011 que regula as artes e aparellos de pesca, de 2005 que regula o Rexistro de Buques Pesqueiros, ao de 1993 sobre o Permiso de explotación para exercer a actividade pesqueiras,ou ás dúas Ordes de 2004 que rexen a autorización e establecemento e cambio de porto base, e a alternancia de artes para embarcacións que faenan na comunidade autónoma.
O obxectivo, remarcou Rial, é facilitar un mellor desenvolvemento da Lei de pesca galega e impulsar a simplificación e racionalización normativa que evite obstáculos na xestión pesqueira, corrixindo así a excesiva intervención reguladora a través da implantación de solucións administrativas máis eficaces e eficientes.
Para elo, xa se crearon grupos de traballo para valorar e, de ser necesario, revisar o borrador do futuro decreto polo que se regula o exercicio da pesca e a ordenación da flota pesqueira. Tal é así que a Consellería xa dispón dun texto avanzado, que será presentado e analizado proximamente co sector no marco da cogobernanza existente con todas as partes interesadas.