A Xunta destaca a importancia de iniciativas como ´Merca no teu comercio´ en barrios como A Ponte para impulsar o comercio de proximidade
Ourense, 1 de xullo de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola presidenta da Federación Provincial de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, percorreu esta tarde a zona comercial do barrio da Ponte, que participa nesta campaña de dinamización promovida pola Xunta e a Federación Galega de Comercio. A iniciativa, que busca estimular a demanda e poñer en valor o comercio local en barrios sen asociacións comerciais e en concellos rurais, desenvolverase nas catro provincias galegas con 10 campañas por provincia, cada unha cunha duración de 15 días e pechando cun sorteo de premios. As accións terán lugar entre o 15 de xuño e o 31 de outubro, no marco do convenio asinado entre ambas entidades para apoiar a innovación e revitalización do sector.
Os consumidores poden rexistrar as súas compras na páxina web da campaña ou ben a través dos propios comerciantes, o que duplica as opcións de participación e de gañar unha das 20 tarxetas prepago de 50 euros sorteadas en cada campaña, canxeables ata o 31 de decembro de 2025 nos comercios locais. Ademais da campaña desenvolvida na cidade de Ourense, hoxe dá comezo tamén na Coruña, no concello da Guarda en Pontevedra, así como nos municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, na provincia de Lugo.