A Xunta destaca en Ferrol que Galicia é hoxe unha terra de retorno e acollida grazas á solidariedade e políticas pioneiras do Goberno autonómico

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no XXVI Curso Universitario ‘Carlos Gurméndez’, onde salientou que o retorno exerce un efecto dinamizador con beneficios directos para o conxunto da sociedade galega

Miranda destacou que programas como Conecta, Reencontros, Obradoiro ou Escolas Abertas, xa permitiron a máis de 50.000 galegos e os seus descendentes redescubrir Galicia

Ferrol, 2 de xullo de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe en Ferrol no XXVI Curso Universitario Carlos Gurméndez, onde salientou que Galicia vive un cambio de paradigma ao consolidarse como terra de retorno e acollida, grazas á solidariedade que caracteriza ao pobo galego e ás políticas impulsadas pola Xunta. Na súa intervención, destacou que Galicia rexistrou en 2023 un récord de 8.500 galegos retornados, superando todas as expectativas marcadas na Estratexia Galicia Retorna.

Durante o acto, o secretario subliñou a importancia dos programas que manteñen vivo o vínculo coa colectividade galega no exterior, como Conecta, Reencontros, Escolas Abertas ou Obradoiros, que permiten que milleiros de galegos e descendentes redescubran a súa terra e reforcen os seus lazos coa cultura galega. “Estes programas son auténticas pontes que garanten que Galicia siga presente no corazón dos nosos emigrantes xeración tras xeración, con máis de 50.000 persoas beneficiadas”, indicou.

O retorno como motor de futuro

Na súa quenda de palabra, explicou tamén que o retorno ten un efecto arrastre que beneficia á sociedade galega, xa que en 2023 chegaron á comunidade máis de 39.000 persoas procedentes do exterior, incluíndo familiares e persoas de distintas nacionalidades que ven en Galicia un lugar de oportunidades. Salientou que a comunidade recibe milleiros de migrantes de países como Venezuela, Colombia, Brasil, Portugal, Cuba, Marrocos ou Arxentina, ofrecendo atención e programas de integración que reforzan o seu carácter acolledor e diverso.

Finalmente, o secretario xeral insistiu na necesidade de que o Goberno central asuma o retorno como unha política de Estado, tal e como recollen a Constitución e o Estatuto de Autonomía, reclamando máis recursos e competencias para axilizar permisos e mellorar a integración. “Só así poderemos garantir un futuro demográfico, social e económico sostible para Galicia”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2025