Fabiola García salienta que máis de 230 concellos galegos impulsan iniciativas de conciliación e corresponsabilidade familiar grazas ao apoio da Xunta
Executivo galego financia con 6,5 M€ do Plan Corresponsables diferentes campamentos de verán e actividades para nenas e nenos nos períodos non lectivos
A conselleira volveu reclamar ao Goberno central a súa falta de compromiso coas familias ao recortar 2,3 M€ a Galicia destas achegas
Ponteareas (Pontevedra), 2 de xullo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitou ás nenas e nenos do campamento de verán que se desenvolve no CEIP As Veigas e que desfrutaron dunha xornada na praia fluvial das Freixas durante o día de hoxe. Neste encontro, destacou que máis de 230 concellos galegos están desenvolvendo iniciativas para impulsar a corresponsabilidade e a conciliación familiar grazas ao apoio da Xunta.
Fabiola García sinalou que o Executivo galego destina 6,5 M€ do Plan Corresponsables -cofinanciado co Ministerio de Igualdade do Goberno de España- a financiar diferentes campamentos de verán e actividades para a infancia e a adolescencia durante os períodos non lectivos. No caso en concreto de Ponteareas, lembrou que este concello recibiu 55.000 euros para apoiar o desenvolvemento dun amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización, entre elas o campamento urbano no centro educativo e outro rural, no centro cultural da parroquia de Bugarín.
Neste sentido, a conselleira recalcou que a Xunta vai seguir apoiando a todas as familias galegas, pese ao recorte do Goberno central nas achegas destinadas a este plan, que supoñen para Galicia 2,3 M€ menos do presupostado. Por iso, asegurou que “aínda que o Goberno central cambiase as regras do xogo a metade do ano, e mostrando a súa falta de compromiso coas familias e coa infancia”, o Executivo galego seguirá apostando pola conciliación e a corresponsabilidade, grazas á colaboración dos concellos galegos que son a forma máis eficiente – dixo- de chegar a toda Galicia.