Gómez Caamaño avanza que a reforma integral do centro de saúde de Conxo rematará no primeiro trimestre de 2026 logo dun investimento da Xunta de 5,2 millóns de euros

O titular de Sanidade visitou unhas obras de ampliación e mellora, que están a avanzar a bo ritmo e acadan o 20 % de execución 

Os traballos que se están a realizar permitirán habilitar novas consultas de medicina familiar, de enfermería e de cirurxía menor

A ampliación do centro de saúde de Conxo posibilitará reforzar o coidado da saúde mental coa dotación de novas consultas nesta especialidade

O conselleiro pon en valor a colaboración dos profesionais que están a garantir a asistencia sanitaria desde os 36 módulos prefabricados instalados para a atención provisional durante as obras

Nos últimos anos, a Xunta leva investidos máis de 160 millóns de euros na reforma ou construción de 130 centros de saúde da rede sanitaria pública galega

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá as obras de ampliación e reforma integral que se están a levar a cabo no centro de saúde de Conxo, unha actuación na que Xunta está a investir 5,2 millóns de euros e que, tal e como avanzou o conselleiro, estará rematada no primeiro trimestre do ano.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o titular de Sanidade comprobou o bo ritmo duns traballos que xa acadan o 20 % de execución. 

A actuación consiste na renovación completa do interior do edificio, na renovación da envolvente e das cubertas do inmoble e na optimización da instalación eléctrica. As obras de ampliación e mellora que se están a acometer permitirán crear novos espazos e mellorar a accesibilidade ao centro de saúde. 

Segundo explicou Gómez Caamaño, ampliarase o número de consultas do centro de saúde do Conxo, ao engadirse unha nova consulta de medicina familiar e comunitaria, unha nova consulta de enfermería e outra destinada á cirurxía menor.

O conselleiro destacou o importante impulso que esta actuación suporá para as Unidades de Saúde Mental do centro, ao incluír a dotación de novos espazos. Así, dentro desta especialidade o centro contará con 5 consultas médicas, 3 de psicoloxía, 2 de enfermería e unha sala de técnicas. Ademais, tamén se ampliará ata 4 o número de consultas destinadas á psicoxeriatría.

“Estamos a falar dunha reforma que pon en valor a saúde mental e que mellorará a asistencia sanitaria que se lle presta a máis de 5.200 persoas”, incidiu o conselleiro,  ao tempo que lembrou que o Executivo galego xa traballa nun novo Plan de Saúde Mental no que se prevé a creación dunha rede de psicólogos clínicos en atención primaria.

Esta actuación está financiada con fondos europeos no marco do programa FEDER Galicia 2021-2027.

Nos últimos anos, a Xunta leva investidos un total de 160 millóns de euros na reforma ou construción de 130 centros de saúde da rede sanitaria pública co obxectivo de ofrecer as mellores infraestruturas e servizos sanitarios ao conxunto da poboación galega.

Módulos prefabricados para asistencia provisional

O conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza visitaron tamén hoxe os módulos prefabricados instalados para prestar asistencia sanitaria mentres se acometen as obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Conxo.

Nese marco, agradeceron a colaboración dos profesionais que traballan provisionalmente nos 36 habitáculos que acollen as consultas e que están a funcionar con total normalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2025