Martina Aneiros destaca a relevancia das mesas locais de comercio para dar resposta ás necesidades reais do sector

A delegada territorial participou esta mañá na Mesa Local de Comercio de Ortigueira

Ortigueira (A Coruña), 2 de xullo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na Mesa Local de Comercio de Ortigueira, xunto con representantes municipais e da Asociación de Comercio Ortegana, onde destacou a relevancia destes encontros como espazos de debate público-privado para consensuar accións adaptadas ás necesidades reais do sector, en colaboración cos diferentes axentes implicados.

Neste sentido, a delegada aproveitou para lembrar que “unha das prioridades recollidas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 é precisamente reforzar o papel activo das mesas de comercio como ferramenta para unha coordinación efectiva entre as administracións locais e o tecido asociativo comercial co obxectivo de adoitar as decisións máis axeitadas para impulsar e revitalizar o comercio de proximidade”.

O Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, recentemente aprobado, está dotado con máis de 320 M€ e “busca modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio a través de 74 accións específicas planificadas para os próximos anos co fin de promover un sector fundamental para a economía galega”, destacou. Galicia conta con máis de 32.000 establecementos comerciais -a quinta comunidade con maior número- que dan emprego a unhas 107.000 persoas e son fundamentais para dinamizar vilas e cidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2025