O secretario xeral da Lingua participou na apertura do programa ‘Galego sen fronteiras’ que desenvolve a Universidade de Santiago co apoio do Executivo autonómico
Valentín García destaca a importancia de acompañar os cursos de galego co contexto cultural
Na iniciativa participan sesenta estudantes dunha vintena de países do mundo, así como doutras comunidades autónomas
Resalta o “firme compromiso do Goberno galego coas propostas a prol do idioma, especialmente as académicas, que contribúen a prestixialo”
Lembra que, ao abeiro do Pacto pola Lingua impulsado pola Xunta, tamén están deseñadas unidades didácticas que “ademais da gramática, versan sobre a historia ou as tradicións”
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na apertura dos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, que se desenvolven na Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa Real Academia Galega e co apoio da Xunta de Galicia, e que contan con alumnado dunha vintena de países e doutras comunidades.
Así, o representante do Goberno galego destacou sobre esta iniciativa, que vai pola súa trixésimo quinta edición, “a ampla diversidade de estudantes que abrangue, levando a nosa lingua e a nosa identidade a multitude de puntos do mundo e contribuíndo así ao seu prestixio”. Neste senso, apuntou, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “ademais dos proxectos propios, mantemos un firme compromiso con todas as iniciativas a prol do galego, e especialmente coas académicas porque son ferramentas de gran calado para fomentar o coñecemento do idioma no marco do seu contexto cultural”.
Ademais, Valentín García lembrou que “os cursos para fomentar o uso do galego que van acompañados dun achegamento á propia razón de ser dun pobo, son especialmente importantes”, puntualizando que, ao abeiro do Pacto pola Lingua, impulsado desde o Executivo autonómico, “tamén temos en marcha cursos para persoas de fóra asentadas en Galicia que non só se centran na gramática ou no vocabulario, tamén versan sobre a forma de vida no noso territorio, sobre as celebracións, as tradicións, a cultura, a historia e a identidade”.
Así mesmo, o secretario xeral da Lingua tamén resaltou que o calendario faga fincapé “nos fitos relevantes deste ano como son as cantareiras e a poesía popular, protagonistas das Letras Galegas, ou o Ano Castelao, con actividades ao redor da súa figura”.
Hoxe comezan estes cursos, que se desenvolven principalmente na Facultade de Filosofía, sesenta participantes procedentes da Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, China, A India, Uzbekistán, Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México. Ademais, tamén forman parte da nova promoción estudantes chegados doutras comunidades autónomas. Moitos deles xa estudan lingua, literatura e cultura galegas na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta e contarán grazas a esta iniciativa durante o mes de xullo con clases teóricas e prácticas en galego, conferencias e obradoiros de música tradicional, así como distintas saídas a actos e excursións.