A Xunta convoca a segunda edición do certame ‘Bibliotecas que inspiran’

O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pretende recoñecer proxectos cunha boa práctica de xestión e resulten nun mellor servizo á cidadanía

Diríxese a concellos integrados na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia en dúas categorías: unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para os que conten cunha poboación superior

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da segunda edición do certame Bibliotecas que inspiran, co que se pretende recoñecer ás propostas que constitúan boas prácticas de xestión bibliotecaria, redunden nun mellor servizo á cidadanía e sirvan para promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura. 

O galardón, ao que poden concorrer entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, pretende dar continuidade ao Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia, con sete edicións entre 2018 e 2024, recoñecendo os proxectos levados a cabo por bibliotecas municipais para o fomento da lectura e das competencias dixitais da cidadanía.

Establécense dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 3.000€ e un diploma, en función da poboación do concello: unha para as entidades locais con ata 10.000 habitantes e outra para entidades locais que superes esta cifra. Deste xeito, a división ten a finalidade de favorecer a participación de pequenas bibliotecas que, por contar con recursos máis limitados, poden atopar dificultades para competir con grandes centros. 

Prazo ata o 10 de agosto

O prazo de presentación para optar ao certame será ata o vindeiro 10 de agosto e cada entidade local poderá concorrer cun máximo de dous proxectos ou boas prácticas postas en marcha por bibliotecas ou axencias de lectura da súa titularidade. 

As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, unha memoria descritiva da iniciativa bibliotecaria. As propostas terán que estar xa executadas e relacionadas coa promoción da lectura, especialmente entre as persoas con maiores dificultades de acceso ou con menor hábito lector; coa aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais; coa redefinición dos servizos ou dos espazos para mellorar a accesibilidade e coa promoción da igualdade e a cohesión social. 

Ademais, deberá responder tamén aos obxectivos da posta en funcionamento de novos servizos ou redeseño dos existentes, da innovación en calquera ámbito para o mellor desempeño das funcións e prestación dos servizos e da difusión do funcionamento da biblioteca, así como aos relacionados coa recuperación, preservación e divulgación da produción cultural de interese para Galicia, especialmente do ámbito local.

Data de actualización: 18/07/2026