Ana Ortiz anima á cidadanía a asistir este sábado á nova xornada cultural no Museo do Mar con música local, deporte acuático e artesanía
Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra apoian o novo evento que se celebrará este 18 de xullo no Museo do Mar en Alcabre
A delegada territorial do Goberno galego, Ana Ortiz; a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, visitaron a montaxe dos tres escenarios musicais
Vigo, 17 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitaron este venres, xunto aos responsables da Asociación Sociocultural e Deportivo Over, a montaxe da nova Xornada Cultural Mar de Galicia que se celebrará no Museo do Mar este 18 de xullo.
Durante o percorrido polo Museo do Mar de Galicia, a representante autonómica animou á cidadanía viguesa a asistir este sábado ao evento destinado ao talento local. “Temos un novo espazo cultural na nosa cidade para dar a oportunidade de que músicos, grupos e creadores locais teñan o lugar que merecen para amosar a súa calidade”, sinalou Ortiz.
Segundo explicou, o evento contará con tres escenarios de música en directo e catro zonas con actividades deportivas e espazos culturais nos que haberá mercado de artesanía, actividades de deporte acuático e un espazo de conciencia azul.
Escenarios musicais
- Escenario Ría: situado no aparcadoiro principal, acolle música urbana e contemporánea. Conta con artistas galegos emerxentes (Tekilas, Xiari, Adan, LosDeLa9) e o grupo nacional Cecilio G como cabeza de cartel.
- Escenario Xanela: na parte traseira do Museo do Mar e con vistas á ría, dedícase ao punk, hardcore e rock de guitarras. Participan bandas locais coma LoraHacePam, Dulce Compañía, Zalomon Grass e Youcanthide.
- Espazo Río Lagares: situado no interior das salas expositivas, ofrece propostas electrónicas, experimentais e inmersivas dirixidas por Pálida (cun custo de acceso de 3€).
Actividades e Espazos Culturais
- Espazo Deportivo (zona Espigón): promove regatas de piraguas dobres para categorías infantil e adulta a partir dos 7 anos.
- Espazo Conciencia Azul: zona de charlas e encontros centrada na educación ambiental e na defensa do mar. Participan Lixo Atelier, Vazva e a bióloga Raquel Nogueira.
- Mercado Salitre: situado na baixada de acceso ao Museo do Mar, apoia o comercio sostible e a economía circular con venda de roupa, discos de segunda man, autoedición e marcas galegas independentes.
- Hall do Mar: Zona central de servizos que inclúe barras de bebidas, zona de DJs, foodtrucks, barra de vermú e unha zona lounge nos xardíns (p. 8).