A Xunta apoia con 7 M€ a 27 empresas innovadoras de base tecnolóxica que non lograron subvencións estatais

Román Rodríguez anuncia unha nova convocatoria desta liña de axudas, a convocatoria de recuperación da excelencia Neotec

O conselleiro visita en Nigrán a firma Vig Sec Drone, que desenvolve un software para coordinar vehículos tripulados e non tripulados no espazo aéreo para a xestión de emerxencias

Nigrán (Pontevedra), 3 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Vig Sec Drone que está a desenvolver co apoio da Xunta ACRE, un software para a coordinación de vehículos tripulados e non tripulados nun mesmo espazo aéreo compartido para a xestión de emerxencias.

En concreto, a Axencia Galega de Innovación apoia esta empresa de base tecnolóxica a través da liña de axudas de recuperación da excelencia Neotec, un instrumento que permite financiar a aquelas entidades que superaron os limiares mínimos establecidos na convocatoria estatal Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) pero que non obtiveron financiamento por esa vía.

Neste sentido, o representante do Goberno galego aproveitou para anunciar a próxima convocatoria desta liña de axudas, que ten permitido apoiar con máis de 7 M€ desde 2021 a 27 empresas innovadoras de base tecnolóxica de nova creación e vocación de crecemento. Román Rodríguez destacou a contribución “ao fortalecemento do emprendemento innovador e á aceleración da transferencia de coñecemento desde os organismos de investigación públicos e as universidades”.

O proxecto de Vig Sec Drone

Durante a visita, o conselleiro de Ciencia tivo ocasión de coñecer as instalacións e asistir a un voo de dron para ver de primeira man as vantaxes deste produto para os operadores de vehículos tripulados e non tripulados. Entre outras, ACRE permite optimizar o uso de recursos, aumentar a seguridade das operacións, reducir o custo das mesmas e o tempo necesario para a mitigación da emerxencia, así como mellorar e automatizar a integración e a distribución da información solicitada polas unidades participantes na emerxencia, o que redunda nunha mellora na toma de decisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2025