Xosé Merelles inaugura os cursos de verán da USC e lembra a importancia da formación especializada para o sector turístico galego

O director de Turismo de Galicia asistiu á inauguración da Universidade de Verán da USC, que inclúe na súa oferta formativa cursos relacionados co turismo

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración oficial da Universidade de Verán da USC. Este ano, o programa conta con arredor de 40 cursos de temáticas variadas, que se están a desenvolver en distintos campus e localidades de Galicia, cos que a USC “abunda na súa vocación de servizo público e de fomento da transferencia de coñecemento, favorecendo espazos de aprendizaxe ao máis alto nivel”, destacou Merelles.

O director da Axencia puxo en valor a proposta formativa combinada do programa de extensión universitaria da USC e aludiu a varios dos cursos do programa relacionados co turismo, como ‘O mundo dos viños galegos’, que concluíu o pasado 27 de xuño en Meis. Esta formación chegaba á súa quinta edición en 2025 afondando no patrimonio vitivinícola e no enoturismo como modelo de desenvolvemento sostible en Galicia. Do 14 ao 17 de xullo desenvolverase ademais unha nova edición das Leccións xacobeas internacionais que, organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago da USC, alcanzan este ano a súa 16 convocatoria baixo a clave ‘Sabios do Camiño de Santiago e a Peregrinación’.

Xosé Merelles recoñeceu a importancia tanto do Camiño de Santiago como do turismo enolóxico dentro da oferta para visitantes de Galicia. “Para continuar a traballar con éxito dentro destes campos resulta esencial a formación especializada”, apuntou. “Con cursos deste tipo favorécese tanto a difusión do coñecemento asociado á oferta turística como a capacitación das persoas, tanto daquelas chamadas a formar parte do persoal profesional do sector como do público en xeral”.

Ademais, lembrou que o capital humano e  a retención do talento constitúen unha das liñas mestras da Estratexia de Turismo 2030, que “recoñece a necesidade de mellorar a profesionalidade do sector e incrementar o prestixio das profesións vinculadas ao turismo”.

Data de actualización: 03/07/2025