A Xunta participa na maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou na EuroPCom, onde se abordaron asuntos como a confianza nas institucións e na tecnoloxía na era da intelixencia artificial
Bruxelas, 4 de xullo de 2025
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou en EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, organizada polo Comité Europeo das Rexións. Baixo o lema Máis alá das palabras. Unha historia de confianza, comunicadores, expertos e axentes de cambio exploraron o tema da comunicación pública dende a perspectiva da confianza nas comunidades, na tecnoloxía e nas institucións.
O director xeral asistiu a un obradoiro sobre comunicación pública na era da intelixencia artificial, no que puido constatar que Galicia é punteira neste ámbito coa primeira lei europea que regula e impulsa esta tecnoloxía no ámbito rexional. Tamén acudiu a un seminario sobre enfoques innovadores para revitalizar a confianza nas institucións públicas, destacando o caso da Xunta por estar presente nas principais redes sociais e empregar diferentes formatos e canles de comunicación.
EuroPCom
EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública.